A Fundación Eduardo Pondal reinicia o seu curso cultural

La Voz CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

David Ballesteros, divulgador científico
David Ballesteros, divulgador científico Ana Garcia

Volven as actividades da Casa da Muller, as Aulas Científicas e, axiña, as Covas Célticas

13 ene 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Venres e sábado • Logo das festividades, toca para moitos volver á rutina. Na Fundación Eduardo Pondal do Couto, en Ponteceso, no cesou a actividade no Nadal, cunha nova edición da Escola de Inverno que rexistrou máis participación ca nunca, dobrando practicamente o número de rapaces. Non obstante, a entidade «reinicia» agora o curso e actividades que viñan levándose a cabo.

Unha das citas máis inminentes, este mesmo venres, é o retorno da Casa da Muller, con actividades entre as 16.00 e as 18.00 horas, sempre levadas a cabo en aulas burbulla, coas medidas hixiénicas precisas e aforo limitado, atendendo ao contexto sanitario. As participantes tomarán parte nun taller de cestería impartido por Teresa Seara (O Son das Varas); noutro de teatro para a igualdade, con Yago Espasandín; e nun terceiro de regueifa e canto tradicional, a cargo de Lupe Blanco. O sábado volverán, doutro lado, as Aulas Científico Tecnolóxicas Isidro Parga Pondal: de 11.00 a 13.00, co divulgador David Ballesteros (A Ceo aberto). Proximamente tamén se retomarán as Covas Célticas.

Así foi a despedida de ano na Escola de Inverno da Fundación Pondal

A escola de aldea pontecesá á que nunca lle faltan rapaces

Patricia Blanco

Ir ver os coellos, a vaca do veciño ou saber onde se facía o pan. ¡Ata mollarse e meter os pés nas pozas! Son algúns dos entretementos dos que, parellos á aprendizaxe, veñen gozando estes días os 43 pequenos de entre 3 e 11 anos que acoden á Escola de Inverno do Espazo Educar da Fundación Eduardo Pondal, no Couto (Ponteceso), iniciada o pasado 23 de decembro. Todo un récord de participación a pesar do peche perimetral da área da Coruña, que supuxo minguar algún grupo que se desprazaba dende a cidade. Adoitaban ser vinte e poucos nesta Escola invernal, así que neste 2020 dobraron. Xosé María Varela, xerente da Fundación, comentaba este 31 de decembro que quedou claro a necesidade de aire e liberdade que tiñan os nenos. Precisan tamén, como el di, saber de onde veñen para saber a onde van. 

Seguir leyendo