Daniel Pérez: «Dende a oposición fiscalizamos ao PP e tamén o obrigamos a reaccionar»

Santiago Garrido Rial
S. G. Rial CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

BASILIO BELLO

ENTREVISTA | Avogado e exedil carballés, o deputado nacionalista di que na política o que máis lle importa é o traballo do día a día

10 ene 2021 . Actualizado a las 16:00 h.

Carballo ten, por primeira vez, dous deputados no Parlamento galego. Un deles, Daniel Pérez, do partido que goberna no municipio (BNG) e outro, Rubén Lorenzo, do principal da oposición (PP). Pérez (1977) tiña unha relativa veteranía na vida municipal carballesa, como concelleiro municipal do BNG, pero, ao igual que Rubén, acábase de estrear na política autonómica como deputado. Conste que tamén podería volver á corporación carballesa, porque foi no posto 14 na lista: con que haxa dúas baixas no grupo nacionalista, xa entra (se quere).

-Cal é o seu balance destes primeiros seis meses?

-Dende un punto de vista persoal, de moita aprendizaxe continuo. É un cambio de dinámicas moi importante. E con moito traballo. O Parlamento ten moitas particularidades, hai que adaptarse a elas e seguir aprendendo.

-Houbo algo que lle sorprendera máis, ou que lle chamara a atención?

-Se cadra, o volume continuo de traballo. Non hai descanso, e actualidade tamén marca moito a axenda. Comisións, plenos, preparar os temas... Eu pensaba que sería todo moito máis espazado. Pero os tempos son os que son.

-Como un mundo aparte.

-Non tanto, pero si que é moi fácil que te deixes levar por esa dinámica, por ese ritmo do Parlamento, e que corras o risco de que perdas o contacto coa rúa. Eu non quero iso, vino claro dende o principio. Así que vou traballar moito no Parlamento, por suposto, pero tamén vou conservar o contacto coa xente, cos temas da rúa, do día a día. Hai que escoitar, manter os pés na terra.

-O que ocorre é que dende a oposición pouco poden facer, o PP é o que ten a maioría.

-Unha maioría absoluta, produto do proceso electoral, claro. Normalmente, malia que falen de diálogo, o que fan é aplicar o rolo. Nos temas que eles ven importantes, aplícano, e botamos en falta que escoiten á oposición, porque iso sería bo para todos. Nós o que facemos é poñer sobre a mesa temas relevantes, dámoslle luz pública aos problemas dos cidadáns no día a día, que moitas veces o PP non detecta, e nós erguemos a lebre. Dende o BNG, dende a oposición, fiscalizamos ao PP e tamén o obrigamos a reaccionar, porque moitas veces, se non é polas nosas iniciativas, non fan nada. Mantemos viva esa tensión, e non lle pasaremos unha en todo o quen sexa preciso.

-E tamén lle toca levar todo o que teña que ver coa Costa da Morte.

-Si, xa se comentara no grupo ao principio das lexislatura, de que eu estaría máis en riba de temas desta comarca, a maiores dos temas xerais. Todo o que sexa Carballo, Bergantiños, a Costa da Morte no seu conxunto, niso estou atento ao máximo. Porque unha boa pare do noso traballo é estar en contacto directo coa xente, con todo o que poida xurdir aquí.

-Vai volver ser concelleiro neste mandato se ten esa oportunidade?

-É algo que nin me plantexei. O grupo municipal, os compañeiros, están facendo un traballo moi importante, bárbaro. Agora son deputado, estou centrado nese labor parlamentario, en dar resposta aos interese dos veciños.

-E no futuro? Mesmo estar moi alto na lista?

-Nada, estou ao que estou. Non penso nun, dous, tres anos... Que pasará no futuro? Ninguén o sabe. A política, para min, é o día a día e non romperme a cabeza con outras cousas.

-O de que Carballo teña por primeira vez dous deputados, como o ve?

-Como algo positivo para Carballo e comarca, con dous representantes de partidos ideoloxicamente moi distintos. Tanto el como eu imos mirar polos veciños. Pero tamén hai outros aspectos, como que a xente poñerá en perspectiva como vai actuar cada un. Verán o traballo que fai un e o que fai o outro, quen defende o interese dos veciños e quen ao partido que goberna.

-Como valora a xestión co covid?

-A actuación da Xunta é moi discutible. Hai problemas gravísimos. O que pasa na residencia de Vimianzo e noutras non é normal, non se pode mercantilizar a saúde.