Maite Parga, técnica de Turismo de Carballo: «Se os locais se senten orgullosos do seu, iso atraerá á xente de fóra»

Caterina Devesa CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

ANA GARCIA

A coruñesa fai balance dun ano marcado polo turismo de proximidade ante o covid

22 dic 2020 . Actualizado a las 09:35 h.

Recoñece que a pandemia do coronavirus púxollo difícil nun 2020 no que aprendeu o valor de adaptarse. Agora, Maite Parga (A Coruña, 1975) olla con precaución cara o novo ano, e avoga por gañarse á poboación local para atraer así aos de fóra.

-Leva dende o 2008 como técnica de Turismo en Carballo, este foi o ano máis duro?

-Foi un ano complicado, pero creo que dentro da realidade mundial esta zona non foi das menos prexudicadas.

-A que cree que se debe?

-Somos un destino pequeno e a imaxe que proxecta a Costa da Morte é a dun lugar seguro con espazos naturais abertos. Logo, dentro da zona norte, Carballo, xunto con Malpica e Coristanco, son sitios menos sobrecargados. No noso caso, a costa supón un gran atractivo, polo surf, e contamos con boas prazas de aloxamento. Esa imaxe de rural non sobrecargado axudou a que moitos nos visitaran este verán, aínda que nada que ver con outros anos.

-Agora, no Nadal, non paran.

-Deseñamos un programa tratando de respectar a responsabilidade que supón a situación sanitaria, pero que ao mesmo tempo permita que os locais poidan achegarse a desfrutar. Está claro que actualmente o obxectivo é a xente que forma a contorna debido aos limites de mobilidade. Agora o Concello vai celebrar o autocine, dende os vehículos, que finalmente posponse aos días 2, 3 e 4 de xaneiro pola situación meteorolóxica.

-Coa pandemia os locais gañan peso nas actividades?

-Para nós, xa antes, o concepto de turista non é só a xente de fóra. Sempre foi importante o propio cidadán. Se os veciños valoran os recursos que lles ofrecemos e se senten orgullosos do seu, iso vaise exportar. Por iso, é fundamental que traballemos en atraer aos foráneos sen esquecer aos nosos. O turismo interno sempre foi importante, pero este ano moito máis ca nunca.

-Os propios veciños son unha forma de promoción?

-O concepto promoción é moi amplo. Temos unha oficina de turismo que é das poucas que abre todo o ano ao estar nas instalacións do Museo de Bergantiños, pero que este 2020 polo confinamento estivo ese tempo pechada. Ademais, non todo o público que chega pasa por aí, outros preguntan nos restaurantes, nos hoteis ou nos comercios

-Falando do museo, que pode adiantar do programa do 2021?

-Estamos barallando cambios nos contidos para fácelo máis atractivo no próximo ano. Buscaremos non repetir e intentar ser creativos. O mundo cambia, a demanda cambia, e nós temos que adaptarnos.

-Que papel xoga un Concello á hora de atraer turistas?

-Os concellos teñen a competencia de promover os propios recursos. Dentro dese marxe, o que fixemos foi buscar un oco para diferenciar a Carballo dentro da Costa da Morte.