Carballo: Unha tarefa de 40 anos posta ao alcance dos galegos por medio de La Voz
COVA CÉLTICA EN PONTECESO | Ramón Villares explicou con tintes pondalianos a xénese da súa gran obra
carballo / La Voz
A lareira máis literaria de Galicia acolleu onte unha Cova Céltica na que o tema central foi a Historia de Galicia de Ramón Villares que desde principios de decembro se distribúe con La Voz de Galicia os domingos. O catedrático e académico explicou que a súa obra, que agora edita en cinco tomos, coas súas correspondentes entregas, é froito dunha «tarefa de 40 anos». De feito, empezou as súas investigacións cando aínda tiña 27. E como lle gustan os retos asumiu o traballo. «Os ríos sempre teñen unha fonte», dixo, e a elas foi.
A nova Historia de Galicia é «a versión última de todas as que se teñen editado desde 1984». Dende aquela primeira houbo intentos de institucións e personaxes galegos, como Carlos Casares, que nos anos 90 lle pedían outra reedición. Despois dunha «profunda revisión e unha notable ampliación» saíu a do 2004. Logo chegou unha terceira reelaboración, a do 2016, que é a que recolle a promovida por La Voz.
A novidade da versión do 2004 é que Villares Paz incorporou uns capítulos monográficos dedicados ás cidades galegas segundo a súa importancia en determinados momentos históricos. Así, a Lugo romana, a humilde Mondoñedo de orixe bretoa, a Compostela xelmiriana, a Pontevedra dos mareantes, o Ferrol ilustrado, A Coruña liberal, o Vigo industrial e a Ourense que inspirou a Xeración Nós. «Cada época ten algo que a define. Cada século ten o seu personaxe», comentou Villares Paz diante das oito persoas presentes na Fundación Pondal.
Luís G. Soto considera inxustas as resistencias que aínda sofre Pondal
A edición do 2016 incorpora a monografía dedicada a Bos Aires, a capital da quinta provincia da «Galicia ideal» de Castelao, a atlántica e transnacional, o territorio emigrante, «a parroquia de acolá» que está a 10.000 quilómetros de distancia. Así que dá unha perspectiva global.
Esta Historia de Galicia é «xeral» e está concibida para chegar a moitos lectores. Galicia ten unha historia que se pode equiparar «en dignidade» á de calquera nación de Europa, pero tamén diferente, «non é nada romántica» e está acabada. «Polo menos, é completa», afirmou o autor.
Pondal tamén estivo presente nas dúas horas de explicacións de Villares na que foi a última Cova Céltica do 2020.
Comentarios