Villares e a súa «Historia de Galicia» pecharán o ano na Fundación Pondal

M. López CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

Vítor Mejuto

La Voz entrega aos lectores a súa gran obra desde comezos de decembro

20 dic 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

«Os contidos deste libro son debedores das achegas de moitas persoas que teñen matinado, escrito e reflexionado sobre a historia de Galicia no seu conxunto e sobre algunha das súas etapas, problemas ou figuras relevantes. Todo este acervo forma os beiriles e as pedras angulares coas que se ergue o edificio». Así arrinca Ramón Villares a súa gran obra Historia de Galicia, o manual de referencia para todo aquel que desexe afondar na cronoloxía galega, dende tempos preshistóricos ata a actualidade.

Por esta fonda, ao tempo que accesible, análise pola historia galega arrancou La Voz a colección de libros imprescindibles que dende hai unhas semanas pon a disposición dos lectores. Oito entregas, cinco títulos que non deberían faltar en calquera biblioteca e, xunto con Villares, nomes tan destacados como o de Miguel-Anxo Murado, Stanley G. Payne, Juan Eslava Galán ou Guillermo Altares, que completaron a colección cos seus apuntamentos sobre España e Europa.

Ramón Villares, xa alcumado o gran historiador galego, protagonizará a derradeira cova céltica deste 2020 na Fundación Eduardo Pondal. Será a mediodía e durante a conversa, na que participará un grupo reducido de expertos, seguiranse tódolos protocolos de seguridade sanitaria.

Dende a presentación do documental Vértice dos versos ante os rapaces de segundo de bacharelato do instituto de Ponteceso ata outra cova céltica, onte mesmo, con Luís G. Soto arredor dos Outros novos queixumes: a sabedoría de Villares pechará este mediodía as actividades deste atípico ano 2020 na Fundación Eduardo Pondal. «Para min é todo un sabio, domina a historia, a cultura e a literatura de Galicia en todos os seus campos», dicía estes días Xosé María Varela, xerente da fundación con sé no Couto. «É un home que en certo modo me fai recordar a Neira Vilas, pola proximidade, sen nada de espaventos», engadía Varela para La Voz.

O de hoxe será un acto no que tomarán parte un grupo moi reducido de persoas, oito, que centrarán o seu parlamento nesa Historia de Galicia que Villares vén reeditando dende a súa primeira publicación, no 1984. Foi a obra, naqueles anos oitenta, un achegamento divulgativo á historia do país, unha forma de aproximar a cronoloxía galega ao gran público. Dende entón, o autor foi engadindo diferentes acontecementos ás sucesivas reimpresións que tivo o título: ata unha ducia. Incluíu capítulos dedicados ás cidades galegas en diferentes períodos históricos e fixo un retrato da emigración galega definido a Buenos Aires como a «quinta provincia galega» e unha cidade de vital importancia para entender a historia do país. A obra pode lerse varios idiomas e, na súa versión máis actualizada, na edición que entrega La Voz de Galicia na súa serie de libros imprescindibles.

Concerto de Donaire

Hoxe, 20 de decembro, ademais de recibir a sabedoría de Ramón Villares, O Couto festexará o Día do Himno de Galicia cunha interpretación colectiva na Praza do Quinteiro. Será con Donaire, unha formación detrás da cal están nomes como Olga Kirk ou Pablo Díaz, moi vinculados á aldea pontecesá e que manifestaron, eles mesmos, o seu desexo de participar na homenaxe. Traerán ata Cospindo música tradicional, canto e danza nunha actividade que leva por título A aldea do himno.

Con este calendario a Fundación Pondal pechará un 2020 no que cumpriu doce anos de traxectoria actuando como dinamizador cultural e literario do rural.