O desenvolvemento rural na Costa da Morte

José Manuel Andrade PLUMAS CON MANDO

CARBALLO

ANA GARCIA

Plumas con mando | Escribe o director da Fundación Juana de Vega: A evolución económica e o mantemento de poboación pasa por investir nas infraestruturas de comunicación, o acceso á banda ancha e afondar na mancomunización de servizos

06 dic 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

O mundo rural de Galicia sufriu unha profunda transformación desde mediados do século pasado como consecuencia da perda de poboación derivada da emigración e da súa concentración nas zonas máis urbanas do país, un proceso que levou parello un fenómeno que se describe na literatura como desagrarización ou perda da vinculación da poboación coa terra e do seu uso produtivo.

A Costa da Morte, conformada polas comarcas de Bergantiños, Terra de Soneira e Fisterra, non foi allea a estas dinámicas, nas que influíu de xeito decidido un déficit nas infraestruturas de comunicación que dificulta a conexión cos principais nodos urbanos de influencia, favorecendo unha dinámica poboacional negativa segundo reflicten as series históricas de poboación.

Sector primario

Con todo, a Costa da Morte aínda mantén un territorio rural que presenta certo dinamismo no sector primario (agricultura, gandaría, silvicultura e pesca), que se reflicte en que a contribución do sector ao PIB destas comarcas se sitúa moi por riba da media de Galicia, constituíndo na Terra de Soneira a súa principal especialización produtiva.

No entanto, e a pesar desta potencialidade, estas comarcas amosan unha eiva estrutural no eido da transformación agroalimentaria que lastra a capacidade de xeración de valor e emprego no territorio.

O desenvolvemento económico e o mantemento de poboación na Costa da Morte pasa por impulsar os investimentos nas infraestruturas de comunicación, o acceso á banda ancha e afondar na mancomunización de servizos para mellorar a calidade destes promovendo unha mellor eficiencia do gasto público.

Industrialización

No ámbito produtivo, resulta preciso apostar por unha maior industrialización das producións primarias, xerando valor engadido a través da diferenciación baseada na calidade recoñecida das nosas producións e da dixitalización.

A aposta por un turismo de calidade que tire proveito dos nosos recursos naturais, patrimoniais, culturais e paisaxísticos e poña en valor os produtos locais a través da gastronomía, unido ao desenvolvemento de programas de compra pública responsable de produtos de proximidade, axudará ao fortalecemento das economías locais, aspecto clave para o mantemento da poboación e do uso produtivo do territorio.

Xestión forestal

Nun plano xa máis amplo, aínda que de aplicación tamén a estas comarcas, resulta fundamental aumentar a rendibilidade do noso monte por medio dunha mellor xestión forestal, avanzando nos procesos de certificación e de xestión conxunta, e darlle solución ao problema do abandono e do descoñecemento da propiedade da terra, que en moitas comarcas de Galicia dificulta o seu aproveitamento por parte de quen a precisa, ben para desenvolver novos proxectos, ou ben para aumentar a base territorial de explotacións existentes para mellorar a súa produtividade e competitividade.

Medio ambiente

Por último, o asentamento de novos investimentos industriais compatibles coa preservación da paisaxe e do medio ambiente que diversifiquen a base económica destas Comarcas, axudará a sentar as bases para xerar oportunidades e riqueza mellorando a capacidade de resiliencia dun territorio de xente brava e traballadora.