A Costa da Morte, en inmellorable posición na recuperación do turismo

Nava castro DIRECTORA DE TURISMO DE GALICIA

CARBALLO

Plumas con mando | Escribe a directora de Turismo de Galicia | En plena era covid, a comarca logrou un dos mellores rexistros no verán

29 nov 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

A revolución vivida pola Costa da Morte no último lustro é un exemplo perfecto de como un territorio obtén resultados despois dun proceso de posta en valor, ordenamento e planificación dunha oferta turística adaptada aos valores que a fan única.

A aposta polo traballo conxunto e a colaboración público-privada a través dunha ferramenta eficaz como os xeodestinos, nos permite comprobar como un territorio pasou nos últimos anos de non dispor apenas dunha oferta aloxativa nin de produtos turísticos recoñecibles a contar cun abano de aloxamentos e servizos que seguen medrando en calidade e capacidade e que están a desenvolverse cunha planificación conxunta orientada a un beneficio común para todos os axentes implicados. Unha gobernanza turística que converteu á Costa da Morte nun destino turístico competitivo, sostible e de calidade.

Neste tempo este xeodestino avanzou de xeito inequívoco nun posicionamento turístico en liña cos valores de natureza, paisaxe, deporte e espazos non masificados que nos momentos que vivimos cobran especial relevancia. Así nolo viu demostrando a demanda turística neste verán marcado polo covid.

Sirva como exemplo os bos datos de agosto, cunha caída nas noites de apenas 6 puntos respecto ás cifras récord do ano pasado. Unha cifra que, nun contexto xeralizado de caídas de arredor do 50% da demanda en Galicia e superiores ao 70% en España, situaron á Costa da Morte como un dos territorios con mellor comportamento turístico este verán, non só no noso territorio senón a nivel nacional. Teño claro que estes resultados non son casuais. Son froito do traballo conxunto de sector e Administracións públicas para a creación e comercialización dunha oferta diferencial na que foi fundamental contar cun tecido asociativo activo e eficiente, que servira de correa de transmisión das necesidades do sector e das fortalezas do destino. Grazas a este traballo a Costa da Morte parte dunha excelente situación para afrontar a realidade derivada da pandemia.

Quero aproveitar, ademais, para destacar que a Costa da Morte xa forma parte de seis dos dez produtos cabeceira de marca que desde Turismo de Galicia promocionamos con carácter nacional e internacional: o Camiño de Santiago, o turismo mariñeiro, os faros e praias salvaxes, os santuarios máxicos ou o patrimonio oculto. Iso sen esquecer o Cabo Fisterra entre os nosos imprescindibles ou a presenza da Costa da Morte nos produtos turísticos de máis recente creación como as Rutas ao Volante, as ornitolóxicas, o turismo de mergullo ou a Ruta dos Faros. Estou segura, ademais, de que avanzaremos en colaboración cos concellos para darlle encaixe ordenado e sostible a unha iniciativa como o Camiño dos Faros que tanto éxito está colleitando.

Grazas ao todos estes recursos turísticos únicos, onde os espazos abertos e naturais se mesturan co espiritual e o máxico, a aventura coa gastronomía, a Costa da Morte está chamada a seguir sumando protagonismo no turismo de Galicia e estou segura de que así será, traballando e sumando esforzos.