Verto: «No segundo disco haberá un estilo, cancións maduradas»

Fernando Peleteiro e Alberto Mira son os integrandes deste grupo revelación do pop galego


Carballo / La Voz

A súa traxectoria como grupo remóntase a pouco máis dun ano, pero deles din que son a revelación do pop galego ou, tamén, o fenómeno da música independente en galego. O compostelán Fernando Peleteiro, Fer, e o pontevedrés Alberto Mira, Berto, son os integrantes de Verto e ambos participarán hoxe nunha conversa con fans dentro do CIP (20.00 horas). Máis de 27.000 oíntes mensuais en Spotify e miles e miles de seguidores nas redes sociais son as cifras que, polo de agora, deixa o que estes dous estudantes de Mediciña na USC, a piques de rematar a carreira, teñen chamado «música parasito». Un dos maiores éxitos de Verto foi Oye Gallego, co que pasaron por Luar, mais non deixa de ser unha peza que cualifican de «unha broma, meme, crítica». Fala Alberto Mira, quen tamén dá cadra dunha cita próxima que consideran especial: serán a banda convidada, o día 28, nos Premios Narf, o que lles permitirá actuar no Teatro Colón coruñés:

-Todo isto nuns cantos meses. Agardaban tal repercusión?

-Quizais o que diga soe contraditorio. Sabiamos que as cancións estaban ben feitas, cunha estrutura moi pop, con ese afán de calar na xente. Poderiamos dicir que nos sorprendeu, pero en realidade estaban feitas para iso. Obviamente, o punto no que estamos agora si é unha sorpresa, pero tampouco imos dicir que non queiramos máis. Queremos máis e estamos sendo moi ambiciosos: estamos preparando o segundo disco, para o ano que vén, e a tratar de seguir cara arriba.

-Que sorte atoparse, logo.

-Ao final penso que nos xuntamos por esas afinidades, por esas cousas en comúns que, en realidade, non teñen que ver coa sorte. Axiña comezamos a quedar, el co piano e eu coa guitarra, para tocar e pasar anacos agradables.

-Intervirán nun ano peculiar do CIP. Como lles afectou a pandemia ao tema concertos?

-No Carballo Interplay iamos ofrecer inicialmente tamén un concerto, pero tivo que quedarse na charla, polo tema covid. Sobre a pandemia, digamos que a nosa principal canle de difusión sempre foron as plataformas dixitais, é algo que coidamos moito, así que parón como tal tampouco notamos, porque xa non viñamos de ofrecer moitos: levaremos cinco ou seis.

-E os seguidores non deixan de medrar. Con que os engancharán no segundo disco?

-Queremos cambiar o paradigma de Puro Ocio, o noso primeiro disco, resarcinos en certa maneira e continuar facendo música por ese apoio que a xente nos dá. Puro Ocio era desorganizado, non tanto un proxecto, senón unha arroutada, con cancións diferentes, sen nexo. A idea deste segundo disco é ter un proxecto organizado, con estilo propio, coas bases asentadas e cancións maduradas: gústanos a música dos 80, pop, de amor e desamor, un pouco na liña de Amolecer, a primeira canción que sacamos.

-Todo 100 % propio, dende as letras ata a produción.

-Exacto. Cando un escribe unha letra, pásalla ao outro e sacamos adiante só o que nos guste aos dous: xogos de egos non temos ningún agora, aprendemos a lidiar con iso, a música afianzou máis a amizade. Iso nótase ao actuar.

-Teranlle dito ben veces que non casan co prototipo de estudante de Mediciña.

-A sociedade está estancada nese sentido. Os de Mediciña non son peores nin mellores. O prototipo de estudante súper formal nesta carreira é unha grande mentira: hai de todo, como en todas.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

Verto: «No segundo disco haberá un estilo, cancións maduradas»