Manuel Castelao Mexuto: «A falta de respecto a Pondal converteuse nunha auténtica lacra»

Marta López CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

BASILIO BELLO

O investigador pon en valor o traballo do bardo pontecesán para «crear unha nova literatura»

20 nov 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Cineasta, escritor, investigador e anteriormente docente, Manuel Castelao participou estes días nunha nova cova céltica da Fundación Eduardo Pondal para debullar os detalles da súa última obra, A máquina ousada: Pondal e a literatura. Fervente apaixoado do traballo do bardo pontecesán, condena as «manipulacións» que historicamente se veñen facendo sobre a súa figura: machista, racista ou tolo son algúns dos adxectivos que se teñen asociado ao autor do Himno galego. «Iso é letal para a figura de Pondal», argumenta Castelao Mexuto, que o califica de «xigante». Para el, Queixumes dos pinos está «atravesado entre o alento emancipatorio e a conciencia da submisión colectiva». Así o explica:

-A que se deben esa serie de prexuízos asociados a Pondal?

-Aos que crearon eses tópicos impórtalles ben pouco a causa das mulleres ou a dos desposuídos. El foi utilizado por unha serie de xente que non tiña moito que dicir para construír un discurso que os lexitimase como intelectuais para xulgar a Pondal, nada máis e nada menos. Machista? Pois como tódolos homes do século XIX. Racista? Para nada, pois cando el emprega o termo «raza galega» refírese, en realidade, ao pobo galego. É como se collésemos as barbaridades que di Hannibal Lecter en El silencio de los corderos e, a partir diso, declarásemos psicópata ao director, ao guionista e ao autor da novela. Pois ben, ignorando a complexidade de Queixumes dos pinos, sacan de contexto certos fragmentos para interpretalos como lles peta.

-Ademais, todo autor e toda obra artística debería entenderse no seu contexto social e histórico.

-Evidentemente, e máis aínda cando despois Pondal ten dimensións moi avanzadas. Postos a buscar, hai elementos de sobra para contrapoñer a esas afirmacións. Hai que ler os Queixumes con rigor para ver que el non era ningún machista, sería unha manipulación absoluta da súa obra calificalo como tal.

-Asegura que ten lido esas afirmacións ata en manuais de texto.

-Certo, e cito textualmente a frase: «Pondal, aínda que racista e machista, era un bo patriota». A mágoa é que tirei o libro, porque me gustaría telo conservado. A falta de respecto a Pondal converteuse nunha auténtica lacra que emerxe cada vez que no uso privado ou publico da palabra sae o seu nome. Proba disto é como o centenario da súa morte, que era algo para facer unha celebración de copete, pasou totalmente inadvertido.

-Quizais non sabemos, ou non nos aprenden, a ler máis aló da literalidade.

-A literatura, no ensino, está sendo obxecto dunha minorización brutal dende hai varios anos. Se antes se lle dedicaba unha materia enteira no bacharelato, hoxe en día é utilizada como un instrumento para as competencias básicas da lingua e toda esta terminoloxía que, no fondo, non serve para nada. Estanse destruíndo as humanidades e substituíndo o que antes entendiamos por literatura por produtos comerciais que de literatura teñen o nome e a clasificación bibliográfica.

Cando se comezou a xeralizar o acceso á educación incorporouse a literatura porque se consideraba fundamental para que a xente percibise a súa identidade colectiva. Curiosamente, agora está sendo aniquilada e declarada inactual. A que nos enfrontamos con isto? Ao analfabetismo máis puro.

-Falla tamén o enfoque? En vez de trasladarlle aos rapaces unha listaxe de nomes e obras, quizais habería que poñerlle os libros diante para que os lean.

-É o que eu facía cando daba clase. Despachaba a teoría cun resumo e despois lía co alumnado unha obra de principio a final, para axudarlles a penetrar nela. Cheguei a facelo cos Queixumes dos pinos e ata con De catro a catro, de Manuel Antonio, que non é fácil; tamén me funcionaban ben as cousas de Castelao. O problema é que, como a educación está sometida a un proceso de normativización para que todos fagamos o mesmo e cumpramos cuns determinados criterios, ao final vanche coartando a liberdade. Ese exceso de control sobre o aparato educativo é letal: se non se ensina a ler, dificilmente un rapaz vai poder chegar ata Pondal. Hai que ter en conta que a literatura foi un instrumento esencial na construción da nosa identidade. Foino no pasado, éo no presente e ten que selo no futuro.

-Recentemente estivo no Couto para falar de todo isto.

-Cando era novo adoitaba pasar unha noite á semana comentando os Queixumes cun amigo ao que lle gustaba tanto como a min. Mesmo chegamos a escribir os estatutos dunha sociedade pondaliana porque non coñeciamos a ninguén máis tan apaixoado polo tema coma nós. Esta anécdota conteina o outro día na cova céltica: pena que naquel momento non existise este círculo de verdadeiros militantes da causa pondaliana. Xa o dixen alí: «Estamos entre viciosos».