A longa viaxe ao hospital


O 14 de outubro, e por recomendación facultativa, houbo que trasladar a miña nai, que ten 98 anos, ao hospital Abente e Lago para unha consulta dermatolóxica. Trasladárona nunha ambulancia do Sergas e foi acompañada, como é lóxico, polo condutor e unha muller maior, supoño, que tamén enferma. Por que non pode acompañala un familiar, ou un coidador, e si pode ir outro enfermo? Se a miña nai sofre algunha indisposición grave durante o percorrido, quen se fai responsable do que lle poida pasar? Estou indignado como calquera que lea isto ou lle suceda algo parecido. O día 2 de novembro a miña nai tivo que regresar ao mesmo hospital para facerlle unha cirurxía, pero nesta ocasión si puiden acompañala, iso si, despois de reclamar moito. Por iso lle pido aos responsables do Sergas que pensen coa cabeza en vez de cos pés. Por que se está a xogar coa saúde das persoas? Onde están os coidados paliativos tan cacareados por algúns?

Máis recentemente tiña que trasladala unha ambulancia ás cinco da mañá para estar no hospital antes referido ás oito para facerlle unha biopsia. Digo tiña, porque non a levantei. Considero que non é humano que unha señora de 98 anos de idade, encamada dende hai tres anos e medio, incapacitada totalmente e que se marea cando viaxa -sexa a miña nai ou outra persoa-, teña que sufrir unha viaxe de dúas horas e trinta minutos percorrendo media Costa da Morte nunha ambulancia, aínda que en padiola. Creo que nin é humano nin cumpre para nada os coidados paliativos que tanto se pregoan. Hai que darlle aos nosos maiores o trato que merecen.

Polo tanto espero que isto faga recapacitar aos responsables que toman decisións como estas -que eu denomino aberracións- que empreguen o sentido común, e que pensen nos demais.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
2 votos
Comentarios

A longa viaxe ao hospital