«O Interplay está chamado a ser un festival extraordinario»

La Voz

CARBALLO

AMNESIA 3.0

O festival arrancou onte coa proxección da webserie "Xan"

19 nov 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

«Nun ano cheo de acontecementos extraordinarios, o Carballo Interplay está chamado a ser un festival extraordinario». Deste xeito daba Xosé Regueira, concelleiro carballés e promotor desta cita, a benvida aos espectadores dun festival que este ano se verá enteiramente a través da Rede como medida de protección fronte ao covid. «Reinventámonos xa tres veces», explicaba a directora, Sonia Méndez, durante a inauguración do Interplay, que puido verse a través de diferentes plataformas de streaming como Youtube, Facebook ou Twitch.

Interviu tamén Jacobo Sutil, director de Agadic, que deu a noraboa á organización por lograr sacar adiante unha cita que, segundo dixo, «dará a idea de modernidade e futuro ao audiovisual galego».

Enrique Lojo, presidente da Asociación Sindical Galega de Guionistas mesmo se animou a improvisar unha canción e Ana Domínguez, da coordinadora de festivais de Galicia, reivindicou o papel fundamental que o público xoga no ámbito cultural.

«Amnesia 3.0», a primeira webserie interactiva con caras moi coñecidas

O Interplay acollerá hoxe a estrea da primeira webserie interactiva en galego. Trátase de «Amnesia 3.0», un proxecto que se fixo cun dos galardóns outorgados polo festival na edición pasada. Trala estrea, haberá un coloquio coas creadoras desta produción: Irene Pin, Iria Iglesias e Natalia Porca, exalumna do Máster en Produción Xornalística e Audiovisual, un máster oficial da UDC que a Fundación Santiago Rey Fernández-Latorre coorganiza coa Fundación Amancio Ortega.

Esta proposta constitúe todo un fito dentro da ficción teatral galega, pois ofrécese a posibilidade de que o espectador se achegue á historia por un ou outro itinerario que el mesmo poderá escollar. Unha aposta arriscada tanto polo formato como polo xénero, a ciencia ficción, moi pouco explorado nas webseries.

«Amnesia 3.0» está composta por tres capítulos e conta coa colaboración de caras coñecidas do audiovisual galego como Monti Castiñeiras, Sabela Arán e Isabel Naveira.

Unha ampla programación durante a xornada

Trala apertura, onte, do sétimo Carballo Interplay, este é o calendario de actividades para o día de hoxe:

11.00 • «Mulleres nos videoxogos e eSports». Ademais, presentación de «Nerfeadas», documental sobre o machismo nos videoxogos. Con Minia Monteagudo, Samku, e Marina Amores, Blissy.

12.30 • «Playlist: etapas e xeracións do Youtube galego», con Miguel Silva Conde, Aquel-e.

16.30 • «En galego, en construción». Pitching de proxectos de webserie.

18.30 • Encontro Podgalego, con Isaac González, Iria Veiga (Sónica Cuántica, Burán), Carlos Pereiro (A gruta de Gizamaluke) e Té con Gotas.

20.00 • Sección oficial. Bloque Galicia (en directo).

22.00 • Estrea de «Amnesia 3.0», de Iria Iglesias, Natalia Porca e Irene Pin. Webserie gañadora do pitching 2019 (en directo).