Foro Voz analiza a madeira como cultura: esta tarde, en Ponteceso

Patricia Blanco
P. Blanco CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

ANA GARCÍA

Patricia González, David Allo, Fabián Lage e Juan Félix Neira interveñen esta tarde no Couto: inaugura Lema Piñeiro, director de Xera 

03 nov 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Eduardo Pondal, os pinos e a reflexión acerca da madeira como cultura, dende diferentes disciplinas, serán bases sobre as que hoxe se levará a cabo no Couto, en Ponteceso, unha nova edición de Foro Voz, promovido pola Fundación Eduardo Pondal e La Voz de Galicia e patrocinado pola Axencia Galega da Industria Forestal. N de os piNos é o epígrafe desta actividade, prevista para as 18.00 horas. A escritora ceense María Canosa, bo exemplo de que a madeira pode ser literatura, será a encargada de presentar e ir fiando a velada, que vai ser inaugurada polo director da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), José Ignacio Lema Piñeiro, e clausurada polo presidente da Fundación Pondal e alcalde pontecesán, Lois G. Carballido.

Patricia González, parte do proxecto Lupo, abordará a madeira como xogo esta tarde: ela será unha das catro ponentes de Foro Voz. É arquitecta e integra un equipo de arquitectos e educadores. Teñen feitas en madeira unha serie de pezas didácticas e a través delas tratará tamén hoxe no Couto a importancia do material, particularmente do natural, e o interesante da recuperación dos xoguetes de madeira. Falará, asemade, do atractivo do proceso de fabricación e, fiando un novo proxecto que teñen entre mans, da madeira como espazo e do papel que pode xogar na transformación dun entorno.

olladas paos

A madeira é, tamén, sostibilidade. Disto tratará David Allo Rama, natural de Canduas (Cabana). Enxeñeiro técnico forestal, cun posgrao en responsabilidade social, é actualmente director de sostibilidade de Texfor, Confederación da Industria Textil, unha referencia estatal. Allo tamén ten sido consultor externo para importantes marcas e anda aportando un grao de area en diversos proxectos internacionais: «Mil batallas», como el di. Iso inclúe, entre outras cousas, o ter sido no seu día responsable e parte dunha brigada de prevención e extinción de incendios forestais.

ANA GARCIA

Fabián Lage, carballés do barrio da Milagrosa, é bo sabedor de que a madeira é arte. Carpinteiro ebanista, era apenas un neno cando xogaba cunhas cantas puntas e unha táboa de par de seu avó. Recentemente, coa madeira do ciprés caído na Praza carballesa, deu vida a Mágoa, escultura que, da man do Concello de Carballo, é unha homenaxe ás víctimas do covid. Anteriormente, do seu maxín saíra Alén. O estilo de Lage é peculiar, sáese do clásico: busca a composición e, tamén, a reflexión. Estará el, tamén, presente neste Foro voz, no que o profesor, investigador e divulgador Juan Félix Neira, natural da Pobra, pero veciño de Ponteceso, amosará que a madeira é historia. Son diversas as súas publicacións, unha das máis recentes sobre o santuario do Briño. Ten pousado a súa mirada, non obstante, sobre moitos puntos do finis terrae.

Ana Garcia

Clara Amado pechará a xornada no Couto, finalmente, interpretando o Himno Galego. Porque a madeira é música.