«Con N de novembro»: un avance do que virá este mes en Ponteceso

La Voz

CARBALLO

DESEÑO DE ADRIAN VARELA

01 nov 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Logo do Foro de La Voz, baixo ese lema de «N de os piNos», virán moitas outras actividades para este novembro coa Fundación Eduardo Pondal. Un avance:

«N de Xénero»

  • A Casa da Muller. Sesións de mindfulness (xoves) e de cestería e teatro (venres). Entre as 16.00 e as 20.00 horas.

«N de Pondal»

  • Cova céltica, o sábado 14 de novembro. Nesta xornada presentarase A máquina ousada, de Manuel Castelao Mexuto, obra ben simbólica neste 2020. Acto previsto para as 17.00 horas.

«N de empoderamento»

  • «Saberes de muller», de Omar Rabuñal, o domingo 22. Ás 17.00 horas. Rabuñal é o autor deste documental que recupera memoria e empodera mulleres de Bergantiños. Vén de ser subido, ademais, no recurso web O portal da lingua, o que espalla a súa difusión. «Saberes de muller: literatas» é outro dos froitos deste proxecto, centrándose nalgunhas das testemuñas. Doutra banda, durante todo o mes, as redes da Fundación irán publicando un pequeno vídeo de cada informante do documental elaborado ao abeiro dos Fondos de Proxectos Culturais Xacobeo 2021.
  • «A pluma viva de Rosalía», o mércores 25 de novembro, Día Internacional contra a violencia machista. A compañía teatral Os Quinquilláns ofrecerá esta obra nun día especialmente sinalado: 18.00 horas.

«N de Neira Vilas»

  • «Cantos de amor», o venres 27. Avánzase para este día algo que nunca se ten feito na Fundación, para lembrar ao querido escritor Xosé Neira Vilas, Pepe Neira, falecido precisamente un 27 de novembro. Foi no 2015: cúmprense, pois, cinco anos. O que haberá no Couto, ás 18.00 horas, será una especie de ópera a cargo de Vitoria Álvarez e Vicente Castro: interpretación musical de poemas do autor.

«N de tradición»

  • Obradoiro con Xabier Díaz, o domingo 29. Curso de pandeireta e pandeiro, cun pequeno concerto didáctico, para 15 persoas en cada unha das sesións: unha pola mañá, de 11.00 a 14.00, e outra pola tarde, de 16.00 a 19.00. Requírese que os participantes teñan xa un nivel medio-avanzado. Díaz, todo un referente na materia, volverá así ao Couto, logo de ter actuado nas «Esencia Festiletras».

Colaboración. Tamén ten N esta palabra. O programa «Con N de Novembro» é posible grazas á colaboración da Xunta (Consellería de Cultura, Educación e Universidade, Secretaría Xeral de Igualdade), Xacobeo 2021, Xera, Deputación da Coruña, Rede de Dinamización Lingüística, Edicións Embora, La Voz de Galicia, Casa da Muller, Axencia Galega de Innovación (Gain) e Concello de Ponteceso.