Un outono de cultura en Cabana: así será a intensa programación

Patricia Blanco
P. BLANCO CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

Espectáculo Rosalía onde medran as poetas.
Espectáculo Rosalía onde medran as poetas. Ana Garcia

Teatro, música, contos, divulgación, literatura, reflexión... As propostas son variadas. Comeza hoxe mesmo un completo ciclo de actividades que, case na súa totalidade, levaranse a cabo no Centro Arqueolóxico de Dombate. Todas, de balde

25 oct 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Escorrentar o frío con cultura, ao abrigo e co amparo da catedral do megalitismo de Galicia, poderá ser ben posible en Cabana. Comeza hoxe, precisamente, un intenso programa de iniciativas deseñado dende o Concello, coa colaboración da Deputación, titular do dolmen, cuxo Centro Arqueolóxico acollerá a meirande parte das actividades que veñen de darse a coñecer. Contos, literatura, música tradicional, teatro, visitas teatralizadas, reflexión, divulgación, artesanía, patrimonio oral, valores diversos... Todas estas disciplinas irán chegando en vindeiras semanas, tendo como destinatarios dende rapaces de primaria e secundaria ata adultos. En definitiva, todos aqueles desexosos de aprender. As actividades teñen un aforo limitado, debido á situación sanitaria actual.

Avance de programación, en detalle

Hoxe | Filipa cos Contos, con Bandullo Azul. 17.00 horas. Centro Arqueolóxico do Dolmen de Dombate. Sesión flipante de contos para toda a familia. Historias tradicionais, música e humor con Fran Campos e a súa amiga Filipa, un monicreque. Aforo limitado. Por orde de chegada ata cubrir prazas.

Domingo 1 de novembro. Xeometrías máxicas de Galicia. 17.00 horas. Centro Arqueolóxico do Dolmen de Dombate. Presentación musical desta obra, con Bieito Romero e Irma Macías, de Luar na Lubre. Aforo, tamén, limitado: cubriranse as prazas por orde de chegada.

BASILIO BELLO

Sábado 7 de novembro. Concerto de Arredores. 17.00 horas. Centro Arqueolóxico do Dolmen de Dombate. Concerto de música tradicional cunha formación integrada por Icía Varela, natural de Cerqueda (Malpica), Andrés Rodríguez e Brian Rodríguez, este último de Treos (Vimianzo). Aforo limitado. Ao carón da tradición haberá tamén pezas de composición propia .

BASILIO BELLO

Martes 10 de novembro. Bicos con Lingua, con Talía Teatro. 12.55 e 16.10 horas (dous pases). Auditorio municipal. Espectáculo teatral nacido do amor pola lingua galega, que afonda nun problema real e preocupante, o do seu emprego. A compañía propón unha redescuberta do idioma e da súa riqueza, a pesares de usos e abusos. Esta é unha proposta plantexada para estudantes de secundaria.

IRINA BASTON

Sábado 14 de novembro. Xornadas arredor das visitas teatralizadas. 10.00 horas. Centro Arqueolóxico Dolmen de Dombate. As visitas teatralizadas estanse a revelar duns anos a esta parte como vitais á hora de dar a coñecer o patrimonio. Este será un encontro ao respecto, con Valentín Bóveda como moderador. Está prevista a presenza de Os Quinquilláns, Yago Espasandín, Manuel Rial, Suso Martínez, Cora Velasco, María Chamadoira, José Novoa, Inés Calvo e Alfonso Rodríguez: todos eles interpretan papeis históricos ben diversos, xa sexa na comarca da Costa da Morte ou fóra dela, no resto de Galicia. Acudirá, asemade, Begoña Garrido, técnica de patrimonio de Xeitura.

BASILIO BELLO

Domingo 22 de novembro. Cociñando música, co Capitán Garfo. 17.00 horas. Centro Arqueolóxico do Dolmen de Dombate. Proposta individual dun dos tres membros dos Tres Tenedores, Saúl Cacharrón. Música en directo, electrónica, xogos e participación do público, sobre uns bos hábitos alimentarios. Aforo limitado.

Domingo 29 de novembro. Contacontos, con Anxo Moure. 17.00 horas. Centro Arqueolóxico do Dolmen de Dombate. Moure poñerase nesta ocasión na pel dun vello druída no dolmen de Dombate. Unha xornada de aventuras para coñecer a orixe dos bosques ou singulares historias máxicas de diferentes madeiras. Actividade con aforo limitado: iranse cubrindo as prazas por orde de chegada.

ANA GARCÍA

Sábado 5 de decembro. Merenda con pan de millo, de Migallas Teatro. 17.00 horas. Centro Arqueolóxico do Dolmen de Dombate. Espectáculo baseado no libro-disco Pan de Millo (Editorial Kalandra, con Nogueira e Magoia Bodega). Cancións e narración oral mesturadas co proceso de elaboración do pan de millo. Aforo limitado.

Domingo 6 de decembro. Clase maxistral con Díaz e Kirk. 17.00 horas. Centro Arqueolóxico do Dolmen de Dombate. Pablo Díaz e Olga Kirk son bos coñecedores do patrimonio musical de Cabana (véxase o Cancioneiro). Ofrecerán este día unha clase maxistral. Aforo limitado.

Luns 7 de decembro: presentación do libro sobre o río Anllóns. 17.00. Centro Arqueolóxico do Dolmen de Dombate. Da man do Instituto de Estudos Bergantiñáns publicouse meses atrás o libro O río Anllóns: arteria principal de Bergantiños. Algúns dos seus autores estarán presentes nesta data: Cabeza Quiles, Domínguez Rial e Fernández Carrera. Colabora a libraría A Nasa. O aforo é limitado.

BASILIO BELLO

Domingo 13 de decembro. Rilo & Penadique. 17.00 horas. Centro Arqueolóxico do Dolmen de Dombate. Unha viaxe polas terras da lusofonía para contar, cantar, bailar e brincar cos contos da tradición oral e a música. Dun xeito resumido, esa é a esencia de A formiga no carreiro, a proposta que Vero Rilo e Sonsoles Penadique ofrecerán este día en Dombate. Aforo limitado.

ana garcía

Sábado 17 de decembro. O lugar onde medran as poetas: Rosalía. 10.40 e 12.05 horas (dous pases). Auditorio municipal. Humor, xogo e asombro forman parte desta peza teatral que permite que os rapaces galegos se identifiquen con aquela nena que un día foi unha das grandes voces literarias da historia, Rosalía de Castro. Con aquela pequena descubrirán os alumnos (é unha actividade plantexada para estudantes de primaria) que a infancia é ese lugar onde medran as poetas. Detrás desta función, mulleres cun forte vínculo co teatro. Así remata o programa de outono.

BASILIO BELLO

Visitas en horario de outono-inverno no dolmen

O dolmen de Dombate, en Borneiro (Cabana), é unha desas visitas necesarias na Costa da Morte. O acceso é de balde e as visitas poden facerse libremente, en tanto que hai servizo de vixilancia constante para poder acceder, ao longo do día. Non obstante, a posibilidade de facer percorridos con guía incrementa o atractivo do megálito, de forma que se facilita o coñecemento de moitos máis detalles. Dende comezos deste mes de outubro está en vigor, xa, o horario correspondente á tempada de outono-inverno, que é o seguinte: de martes a venres, de 10.30 a 13.30 horas; e sábados e domingos, de 10.30 a 14.00 e de 16.00 a 18.30. Pola semana, por tanto, unicamente de mañá e, nas fins de semana, mañá e tarde. As visitas guiadas son igualmente de balde. Dombate merece unha visita de por si, mais as actividades programadas no Centro Arqueolóxico animan aínda máis a achegarse ata alí. Para contactar: 672 435 736 e 618 575 481.