«Pedimos o apoio da afección para que se faga abonada. Este ano será difícil»

La Voz

CARBALLO

24 oct 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

O presidente do Bergantiños aproveitou a ocasión para pedir o apoio incondicional dos afeccionados para este primeiro encontro de liga na casa fronte ao Silva, mañá domingo 17.00 horas, e tamén para o resto da tempada.

-Os clubs da Costa da Morte en xeral temen un forte aumento dos gastos derivados da implantación dos protocolos de seguridade sanitaria.

-E no caso do Bergantiños, tamén. Ademais das partidas destinadas á confección da plantilla, o mantemento de toda a estrutura deportiva, das categorías inferiores... Temos que afrontar todo o que supón garantir unhas condicións hixiénicas e sanitarias impecables: os PCR, xeles hidroalcohólicos, xabóns, toma de temperatura... Co covid-19 non valen os erros, hai que ser previsores, responsables, porque nos vai na nosa saúde e na dos que nos rodean. O Bergantiños non escatimará nin un só euro en aplicar todos os protocolos esixidos, sexan cales sexan, pero non é menos certo que conlevan un gasto adicional do orzamento moi importante. Este ano será difícil, por iso é moi importante que os afeccionados do Bergantiños se fagan socios.

-Cantos abonados ten o club?

-Antes de que se cancelasen as competicións polo estado de alamar e confinamento, 525 abonados, unha cifra na que non se incluían os socios protectores.

-Xa está aberto o prazo para facerse abonado?

-Si, e mantemos os prezos da pasada tempada. Por exemplo mañá [por hoxe para o lector] estarán abertas as oficinas nas Eiroas de 12.00 a 14.00 horas para todo aquel que queira darse de alta de socio.