«Esta tempada aspiramos a todo. A nosa meta é subir a Segunda B»

Antonio Longueira Vidal
Toni Longueira CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

Ana García

ENTREVISTA | Luciano Calvo, presidente do Bergantiños, pide o apoio dos socios na estrea do equipo nas Eiroas fronte o Silva

25 oct 2020 . Actualizado a las 22:42 h.

Luciano Calvo Pumpido cumpre a súa novena tempada ao fronte do Bergantiños. Unha campaña moi diferente polas graves consecuencias da pandemia provocada polo covid-19. Pero como diría Freddie Mercury, The show must go on. Así que o máximo responsable da entidade bergantiñá enfúndase a bufanda avermellada, trata de poñer boa cara ao mal tempo e analiza a actualidade do club e do equipo. E, sobre todo, aporta as súas sensacións persoais a un curso diferente, pero á vez igual de ilusionante. Porque ao final, o que importa nisto do fútbol é que a pelota entre na portería, e se é na do porteiro contrincante, mellor.

-Unha tempada moi atípica a deste ano.

-O covid-19 marca todo o noso traballo, como ao resto de clubs. Ademais da faceta deportiva levamos meses traballando e investindo parte do orzamento nun protocolo para garantir a seguridade dos afeccionados que veñan ás Eiroas.

-Mañá (17.00 horas) o equipo estrearase en liga nas Eiroas contra o Silva.

-Nesta ocasión temos o aforo limitado a 150 espectadores e xa temos todo o traballo previo feito. Terán prioridade os abonados do club. Haberá controis de accesos ao campo, coa toma de temperatura. Disporemos dunha separación mínima entre asentos de tal forma que só se poderán sentar xuntos aqueles afeccionados que teñan unha convivencia física habitual no mesmo domicilio. No resto de casos terán que estar separados. Haberá xeles hidroalcohólicos e o club terá xente a disposición dos que vaian ao campo para facilitarlles calquera cousa e evitar así unha mobilidade innecesaria e que podería ser prexudicial en termos de transmisión do virus. Todos somos responsables disto e o Bergantiños, como club, quere e ten que ser un exemplo. Os precedentes na pretempada co Paiosaco, o Fabril e o Deportivo foron positivos en canto ás medidas sanitarias implantadas e ese ten que ser o camiño a seguir.

-Falemos de fútbol. Que lle parece o plantel do Bergantiños?

-Estou moi contento. Fixemos dez fichaxes e subimos a Carro, Martín e Diego. Renovamos a columna vertebral, con xente nova, pero tamén con calidade e con experiencia na categoría. Falo de Lamelas, Abel... Xente que gañou o campionato de España coa selección galega e estou seguro que van desenvolver un gran papel este ano.

-José Luis Lemos aposta por un 4-2-3-1. Como afeccionado, gústalle este sistema ou prefire un 4-3-3 de Miguel Figueira?

-O tema das tácticas son cousa dos adestradores, e aí non vou entrar a valorar. E moito menos vou valorar o gran traballo que Miguel Figueira fixo no Bergantiños. Non sería xusto. Como tampouco vou valorar o sistema que emprega o noso adestrador, Lemos. Como afeccionado si creo que o Bergantiños xoga ben ao fútbol, como o demostrou o pasado domingo na Porta Santa contra o Paiosaco, ou en pretempada contra o Deportivo. Teño moi boas sensacións para esta tempada, dígollo en serio. Creo que podemos acadar os nosos obxectivos e, por riba, con xente da casa.

-Pode prexudicar ter a bitola de favorito?

-Creo que como club e como equipo temos que aspirar a todo. Outro tema é que as cousas saian como un quere, ou desexa. Pero na nosa idea, como xunta directiva, e confeccionar un equipo que aspire a todo na Terceira. E este ano non imos cambiar o noso obxectivo.

-E cal é o obxectivo?

-Esta tempada aspiramos a todo. A nosa meta é subir a Segunda B. Hai equipo para iso e na directiva confiamos tanto no labor do adestrador como no do equipo. Un equipo novo, renovado, pero con moita calidade.

«Pedimos o apoio da afección para que se faga abonada. Este ano será difícil»

O presidente do Bergantiños aproveitou a ocasión para pedir o apoio incondicional dos afeccionados para este primeiro encontro de liga na casa fronte ao Silva, mañá domingo 17.00 horas, e tamén para o resto da tempada.

-Os clubs da Costa da Morte en xeral temen un forte aumento dos gastos derivados da implantación dos protocolos de seguridade sanitaria.

-E no caso do Bergantiños, tamén. Ademais das partidas destinadas á confección da plantilla, o mantemento de toda a estrutura deportiva, das categorías inferiores... Temos que afrontar todo o que supón garantir unhas condicións hixiénicas e sanitarias impecables: os PCR, xeles hidroalcohólicos, xabóns, toma de temperatura... Co covid-19 non valen os erros, hai que ser previsores, responsables, porque nos vai na nosa saúde e na dos que nos rodean. O Bergantiños non escatimará nin un só euro en aplicar todos os protocolos esixidos, sexan cales sexan, pero non é menos certo que conlevan un gasto adicional do orzamento moi importante. Este ano será difícil, por iso é moi importante que os afeccionados do Bergantiños se fagan socios.

-Cantos abonados ten o club?

-Antes de que se cancelasen as competicións polo estado de alamar e confinamento, 525 abonados, unha cifra na que non se incluían os socios protectores.

-Xa está aberto o prazo para facerse abonado?

-Si, e mantemos os prezos da pasada tempada. Por exemplo mañá [por hoxe para o lector] estarán abertas as oficinas nas Eiroas de 12.00 a 14.00 horas para todo aquel que queira darse de alta de socio.