«Chamáronnos de Sudamérica e Nova Zelanda interesándose polo proxecto Xeoclip»

Marta López CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

BASILIO BELLO

Un dos vídeos desta iniciativa ata foi premiado no certame Youtubeir@s. Del falan dous dos impulsores: os docentes Rocío Romar e Xacobo de Toro, do IES Urbano Lugrís de Malpica

21 oct 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

«Emperrámonos en que é Mahoma quen debe ir á montaña, pero ás veces é a montaña quen debe aproximarse un pouquiño a Mahoma, atopar un punto intermedio de conexión». É a reflexión que fai Rocío Romar Roel, docente de lingua galega e literatura no IES Urbano Lugrís e unha das promotoras do proxecto educativo Xeoclip, que persegue a aplicación das novas tecnoloxías (nas que os rapaces se senten moi cómodos) para a aprendizaxe da xeoloxía e da paisaxe, ademais doutras disciplinas.

Vídeos curtos, gravacións aéreas realizadas cun dron, paisaxes en 360 graos, apuntamentos, cuestionarios de autoavaliación, enlaces para ampliar a información... Estes son só algúns dos materiais que un grupo de docentes foron elaborando para crear unhas unidades didácticas que puidesen ser empregadas tanto nas aulas como fóra delas, e por parte doutros docentes.

Xacobo de Toro Cacharrón, Adela Otero Abrodos (Bioloxía e Xeoloxía), Fernanda Moltó Roibal (Educación Plástica) e Alberto Fortes Novoa (Matemáticas) completan o equipo promotor deste singular proxecto, que ademais contou coa colaboración doutros docentes e profesionais que axudaron, por exemplo, a subtitular os vídeos a outros idiomas e a facelos máis accesibles a través da lingua de signos.

A ausencia de materiais didácticos audiovisuais en galego foi unha das motivacións para sacar adiante este proxecto. Dende o principio tiveron claro que empregarían o galego nas súas explicacións, tamén para reivindicar o uso da lingua propia en tódolos ámbitos da vida e para normalizar a súa presenza nas redes sociais e en canles de proxección global. E os posibles usuarios de fóra do país teñen ao seu dispor os subtítulos. «Os vídeos de Xeoclip están subidos a Youtube, son totalmente abertos e temos acceso a estatísticas que nos indican dende onde nos ven, en que franxas horarias, dende que dispositivos... É curioso, porque o 49 % dos usuarios son de fóra de España», conta Xacobo. Rocío engade: «Chamáronnos dende Sudamérica ou Nova Zelanda interesándose polo proxecto para os seus modelos educativos», asevera.

Exemplos de proximidade

Era importante, explica a profesora, seguir o currículo académico regrado á hora de elaborar estas unidades didácticas (polo momento teñen tres), pero querían partir de territorios e paisaxes galegas para que os nenos adquirisen os coñecementos apoiándose en exemplos de proximidade. E, ademais, desenvolven todas as áreas do currículo, proporcionando unha formación integral. «Non só aprenden xeoloxía, tamén ciencias naturais e sociais, literatura... Todo xunto e todo ten o seu sentido en función do territorio», indica a mestra.

Ana Garcia

Exploraron lugares como a praia das Catedrais, a enseada do Trece en Camariñas, o esteiro do Anllóns ou o Courel para exemplificar diferentes tipos de paisaxe e que os alumnos puidesen «visitar» estas paraxes virtualmente a través de gravacións en 360 graos. E tamén foron investigando outras técnicas como a elaboración de guións ou a gravación con croma. Unha aprendizaxe para eles mesmos, os mestres: «Non hai un só día no que non estea cacharreando e buscando novas cousas que incorporar», explica Xacobo.

Aínda que as filmacións en interior as fixeron no CFR da Coruña, si trasladaron esas técnicas que aprenderon no Xeoclip aos clubs de ciencias para experimentar cos rapaces. «A quen non lle gusta aprender facendo?», considera De Toro, «fomos facendo experimentos pequenos nos que os rapaces visen resultados rápidos, e despois eran eles mesmos os que llos explicaban aos demais alumnos ou ás familias en feiras científicas».

Tempo libre

Todo o proceso de creación destes materiais, que non é pouco -estiman que por cada minuto producido hai 4 horas de traballo detrás-, correu da conta destes mestres, do seu esforzo e implicación persoal. «Ata o equipo é noso, que o fomos adquirindo pouco a pouco. As viaxes para filmar en exteriores tamén correron da nosa conta», narra Rocío.

Pagou a pena, considera, e a súa utilidade viuse demostrada durante o confinamento. «Moitos rapaces empregaron estas unidades para ir aprendendo cada un ao seu ritmo. Os vídeos ata se emitiron na televisión pública polas mañás durante a pandemia», relata a docente.