La Voz e Concello de Dumbría lanzan un certame de contos sobre o Vákner

Dirixido a nenos de quinto e sexto de concellos polos que pasa o Camiño


Carballo / La Voz

A figura do Vákner xa trascendeu ao Concello de Dumbría e vai abríndose paso como símbolo comarcal do Camiño a Fisterra e Muxía. Este monstro, que atemorizou a un bispo armenio no século XV cando este percorría o itinerario, protagoniza agora un certame de contos de terror no que poderán participar nenos que cursen o terceiro ciclo de educación primaria (quinto e sexto curso).

Coincidindo coa celebración do Samaín, e co inminente Xacobeo 2021, La Voz de Galicia e Radio Voz impulsan a primeira edición deste certame, patrocinado polo Concello de Dumbría e promovido coa colaboración dos de Ames, Cee, Corcubión, Fisterra, Mazaricos, Muxía, Negreira, Santa Comba e Santiago de Compostela. Estes son os concellos polos que discorren os diferentes tramos do Camiño a Fisterra e Muxía, e tamén os municipios dende os que poderán participar os rapaces que desexen probar sorte no concurso.

Para facelo, deberán presentar un conto dun máximo de 1.500 caracteres (equivale a dous folios por unha cara) cunha temática relacionada co terror e, máis concretamente, coa figura do Vákner.

Terán de prazo para participar ata o 15 de novembro e os textos serán remitidos -debidamente identificados- por cada colexio á delegación de Carballo de La Voz de Galicia (Gran Vía, 84, 1.º esquerda) ou ben enviados ao correo electrónico eventos.carballo@lavoz.es.

De entre todos os contos recibidos un xurado seleccionará dez finalistas, que serán publicados en La Voz de Galicia, e desa decena sairán os tres primeiros clasificados, que tamén serán emitidos a través de Radio Voz Bergantiños. Todos os finalistas levarán un diploma acreditativo, mentres que os tres mellores tamén recibirán un obsequio.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
1 votos
Comentarios

La Voz e Concello de Dumbría lanzan un certame de contos sobre o Vákner