Rocío González, actriz de «Liberto»: «Coa pandemia non desapareceu o feedback co público, pero a enerxía é rara»

Marta López CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

FIOT en pausa | Algúns xa a describen como a gran revelación da tempada escénica: «Liberto», mañá en Carballo (20.30)

16 oct 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Nomeado aos Premios María Casares ata en sete categorías, Liberto é un dos espectáculos máis destacados da tempada escénica galega. Adaptada por Tamara Canosa, a peza parte dunha obra da catalá Gemma Brió. É o primeiro espectáculo teatral da produtora Rebordelos e Rocío González é unha das protagonistas. Acompáñana en escena Cris Iglesias e Lucía Aldao.

-Xa hai quen di que o seu é o espectáculo revelación do ano. Que tal a acollida?

-O certo é que moi boa, tanto por parte da crítica como do público. É un traballo sinxelo e honesto, pero tamén unha aposta arriscada, xa que non é doado facer un espectáculo con tan poucos elementos. Hai moito traballo actoral, que fixemos con Tamara buscando a esencia do texto e das personaxes. O peso do que quere contar a autora é tan potente, que sobran os artificios.

-Que atopará o espectador?

-Un traballo actoral moi honesto e de verdade é unha obra que busca o equilibrio entre a traxedia e o humor. Nárrase a historia dunha muller que pasa por diferentes fases e que reflexiona nos primeiros quince días despois do nacemento do seu fillo. Vaise un pouco á esencia, ao animal, que é o que quería Tamara.

-Traxedia e humor semellan conceptos antagónicos.

-A directora quería fuxir do dramatismo na miña personaxe e é certo que en determinadas situacións límite, como a que ela vive, hai lugar para o humor. Tamén está presente no propio texto e na personaxe de Lucía Aldao.

-Hai música en vivo.

-Si, é orixinal de Lucía, ademais. Dálle un toque moi especial á obra, en verdade.

-Xa ten un percorrido a peza.

-Pois empezamos a ensaiar a finais de 2018 e estreamos en marzo de 2019. Tivemos poucos bolos, aínda que con moi boa acollida, porque non é un espectáculo ao uso, comercial, e non tódolos programadores querían correr ese risco. Despois chegaron os Premios María Casares; a pandemia, que puxo de manifesto a precariedade neste sector...

-Dicíao estes días María Vázquez: o covid non trouxo a crise á cultura e as artes escénicas, senón que a sacou a luz.

-Exactamente, e para moitos outros ámbitos, como a sanidade ou a educación. O bo é que vemos que o público si que ten ganas de teatro.

-Como levan o non poder ver a expresión facial dos espectadores? Pérdese algo de feedback.

-Non desaparece, pero digamos que é diferente. Si que é certo que a enerxía é rara, pero é algo ao que nos temos que adaptar. Tamén será estraño para eles, porque uns contáxianse da enerxía dos outros. Nesta situación eu a verdade é que, como espectadora, emociónome máis, porque me serve para abstraerme de todo o de fóra, e de tódolos problemas que trouxo consigo esta crise.