María Vázquez: «A cultura salva vidas»

F. Rodríguez / M. López CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

A actriz galega estrea «A xente 2.0» este venres en Carballo, onde debuta tamén como produtora

14 oct 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

A actriz galega María Vázquez (Vigo, 1979) non precisa presentación. Rostro televisivo e cinematográfico, vén de rematar unha exitosa xira por Madrid coa peza teatral Fariña, «unha obra que parece que aínda nos vai dar moitas alegrías no futuro», vaticinou a actriz en RadioVoz Bergantiños. En 2021 estreará un filme con nomes como Miguel de Lira, Xosé Antonio Touriñán e Federico Pérez; pero antes, este mesmo venres, recalará en Carballo coa estrea da obra A xente 2.0, da que é protagonista xunto con Víctor Duplá. Este xoves sairán á venda novas entradas.

-Este venres será día de estrea, e non só pola obra.

-Pois si, estréome tamén como produtora, así que moi contenta con este proxecto.

-Formato non convencional.

-En realidade é moito máis sinxelo do que parece [ri]. O público estará en círculo, con distancia, e participará da obra todo o que queira.

-O texto orixinal foi escrito en 2012, pero ten moito de actualidade para este 2020.

-Pois si, foi estreado xusto despois do 15M, pero creo que ten moito sentido hoxe en día, porque temos moita fame de atopar novas formas políticas e de todo en xeral.

-Moitos deses intentos por cambiar as cousas soen acabar en fracaso, máis sempre xorde ese último pensamento de: «E se esta vez é distinto?».

-A min gústame manter a esperanza, aínda que sexa moi complicado. Tamén parecía que toda esta crise ía ser para ben e non vemos moito a luz. Neste tipo de situacións soe pasar que sae o mellor de cada un, pero tamén o peor.

-O mundo da cultura e das artes escénicas estao pasando mal, pero tampouco é que a situación anterior fose a ideal.

-En realidade está saíndo á luz o mal que estabamos dende a anterior crise. Quedou patente que temos que unirnos e que se nos ten que apoiar, porque a cultura é necesaria, e non só a nivel educativo: a cultura salva vidas.

-Neste FIOT en pausa xogan un papel destacado as novas tecnoloxías, que ao principio parecían inimigas, máis agora son unha ferramenta máis.

-É que non nos queda outra, aínda que eu non creo que o teatro vaia desaparecer de ningunha maneira. Gustaríame tamén agradecer ao FIOT que arrisquen e apoien á cultura galega neste ano tan difícil. É moi importante.

-Hai ganas de teatro e nótase nas entradas: están voando.

-Si, a verdade é que o público estase portando, apoiando e apostando por nós. Moitas veces parece que o que non se fai dende a política, facémolo como sociedade.

-Xunto con Víctor Duplá fundou a compañía, dixeron no seu momento, para facer cousas que realmente os movan sen depender de ninguén.

-Exacto, aínda que ao final sempre se acaba dependendo de alguén. Xa que somos socios de vida Víctor e eu, quixemos ser socios tamén no profesional.