Ana Vázquez: «Cando quixen ser nai non había fármacos compatibles co embarazo»

As Xornadas de Reumatoloxía que se celebrarán en Corcubión hoxe e mañá incidirán, entre outros aspectos, na maternidade en mulleres afectadas con enfermidades reumatolóxicas


Carballo / la voz

A Casa da Cultura de Corcubión acollerá hoxe e mañá as Xornadas de Reumatoloxía na Costa da Morte, coa participación de profesionais sanitarios e coa entrega dos cuartos Premios Liga con Nós, outorgados pola Liga Reumatolóxica Galega. A presidenta da entidade e do Colexio Profesional de Logopedas de Galicia, Ana Vázquez (Ribeira, 1969), fala desta iniciativa e dos mitos que hai arredor das doenzas reumatolóxicas aínda a día de hoxe.

-Serán as primeiras xornadas deste tipo que fagan na Costa da Morte?

-Serán as primeiras conxuntas cos reumatólogos, pero en decembro do 2019 fixemos unhas xornadas para pacientes aproveitando que o doutor Francisco Blanco é de Cee.

-Terían continuidade en vindeiros anos?

-En principio facilitóusenos facelas este ano pero dende a Liga, como entidade, non descartamos facer máis actividades na Costa da Morte, porque a poboación responde moi ben. Parece que é unha demanda, formativa, que non está cuberta.

-Nin formativa nin de tratamento, xa que o hospital de referencia é o da Coruña, non o de Cee.

-Como en todo.

-Que funcións desempeñan dende a entidade?

-Faría falla medio día para explicalas todas, pero a entidade dá cobertura ás persoas con enfermidades reumáticas e ás súas familias por toda Galicia, aínda que o financiamento non chega para cubrir todos os servizos. Temos atención psicolóxica, que é dispensada un profesional que se despraza por toda a comunidade, pero que tamén proporciona por vía telemática, moito antes da chegada do coronavirus. Temos tamén servizo de terapia ocupacional, asesoramento deportivo e campañas de sensibilización en centros escolares e de traballo. Grazas ao apoio da Fundación La Caixa, implantamos tamén un programa que se chama «Reumamá» que cubre as demandas relacionadas cos máis pequenos: asesoramento escolar, acompañamento para a solicitude de axudas ou permisos de conciliación... Todo iso levámosllo dende a Liga.

-Un dos mitos máis estendidos é que as afeccións reumatolóxicas afectan só aos maiores.

-Exacto. Cando á miña nai lle dixeron o que eu padecía [artrite ideopática] tiña só 7 anos. Ela non daba crédito, porque cría que era unha «enfermidade de vellos», que é a idea xeralizada que ten a poboación. En realidade, as persoas que teñen doenzas reumatolóxicas ligadas á idade (artrite ou a osteoporose) representan un porcentaxe moi baixo.

-Hai que divulgar máis.

-Exacto. Moi poucos socios ten a nosa entidade para a cantidade de poboación que padece este tipo de doenzas, que non é pouca.

-Recetemente lanzaron unha campaña relacionada coa maternidade, que é precisamente o campo que abordará a doutora Freire durante as xornadas.

-A foto que ilustra a esa campaña creo que é moi representativa, porque recolle catro perfís diferentes e catro momentos da historia diferentes, no que respecta á maternidade en mulleres diagnosticadas con enfermidades reumáticas. Unha son eu, que cando quixen ser nai non había fármacos compatibles co embarazo, así que tiven que optar pola vía da adopción. Aparece outra muller coa súa nena, que tivo despois dun embarazo de altísimo risco e de renunciar á medicación durante a xestación, o que supuxo un empeoramento da súa saúde. Nós as dúas simbolizamos o pasado, pero figura unha terceira nai que viría representando o presente, pois con novos fármacos puido quedarse embarazada e ter ao seu fillo nun proceso de maternidade case normal. Unha nena é o cuarto perfil, co que nós quixemos exemplificar o que suporá o futuro: queremos que chegue un punto no que ningunha muller pense en renunciar á maternidade por ter unha enfermidade reumática. Ademais, coa campaña non só nos cinguimos á xestación, senón a todo o que supón ser nai.

-Que aspectos valoraron nos receptores dos Premios Liga con Nós?

-Case todos os galardoados son entidades, excepto dúas persoas. Tratamos de premiar, e sobre todo agradecer, ás organizacións e individuos que fan posible a mellora da nosa calidade de vida, e tamén a quen apoia o labor da Liga Reumatolóxica Galega, estean máis ou menos ligados á entidade.

-Entre as recoñecidas figura unha logopeda, a muxiá Diana Gándara, que falou estes días da relación que existe entre as dúas áreas.

-O vínculo é moito maior do que pode saber a poboación. Hai moito descoñecemento ao respecto, porque estas enfermidades poden traer asociadas xordeiras, disfaxias e disfonías. Aí a relación está máis que clara.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
1 votos
Comentarios

Ana Vázquez: «Cando quixen ser nai non había fármacos compatibles co embarazo»