«No campo de refuxiados viamos dende a ventá os ataques israelís»

GENTES DEL FINISTERRAE | A xornalista e activista carballesa plasmou nun libro a realidade palestina a través de 12 testemuñas


Carballo / La Voz

Tres meses nun campo de refuxiados palestino espertan a conciencia social de calquera cun mínimo de sensibilidade coas causas humanitarias. A carballesa Sofía Caamaño, de 25 anos, xa viña practicando un xornalismo enfocado aos dereitos humanos, mais esa experiencia marcouna dun xeito diferente, ata o punto de querer plasmar nun libro un fragmento da historia que alí puido contemplar.

Xunto cunha compañeira, Sonia Bajona, é autora de Una tierra con gente. Voces de Palestina, un volume no que recollen doce testemuñas reais ás que tiveron acceso durante a súa viaxe ao campo de Dheisheh, situado ás aforas da cidade de Belén.

«Aínda que as historias son un pouco duras, considero que non se deberían obviar, xa que é unha maneira de empatizar co que sucede co pobo palestino. Esa xente está vivindo nun sistema de apartheid imposto por Israel, sen poder moverse de alí. Gaza é un cárcere ao aire libre e hai xente que vive e morre así», explicou Caamaño en RadioVoz.

A idea inicial non era a de facer a viaxe co obxectivo de plasmala nun libro posteriormente. «Estaba en Barcelona estudando un máster e en xaneiro de 2018, como tiña unhas semanas libres, decidín ir cunha compañeira ata Palestina de visita. Máis tarde soubemos que unha organización coa que colaborabamos ofertaba bolsas para iniciativas de cooperación en diferentes países. Presentamos un proxecto para Palestina, para a sensibilización sobre a súa situación, e aceptárono», contou a carballesa.

Alí estiveron durante tres meses, aloxadas nunha casa que lles proporcionou a entidade coa que colaboraban, mais non alleas ao que sucedía ao seu arredor: «Como europeas, evidentemente non sufríamos o mesmo trato que os palestinos, pero si fomos partícipes dos ataques israelís durante as noites. Viámolos dende a ventá», narra Caamaño.

Longas entrevistas

Día a día escoitaban por todo o campo testemuñas tan duras que tomaron a determinación de plasmalas, aínda que só fose unhas cantas, para que non quedasen no esquecemento. «A xente sempre nos abriu as portas da súa casa e non tiveron problema en contarnos as súas historias», explica a xornalista.

Despois de longas entrevistas con doce perfís diferentes tanto do campo como doutros lugares de Cisxordania, trasladaron os relatos á primeira persoa e compartíronos cos protagonistas para que estes desen o seu visto bo. «Falamos dende cunha persoa que estivo moitísimo tempo no cárcere, ata cunha señora que viviu todo o proceso de ocupación, dende o 1948 ata a actualidade», puntualiza a carballesa, que engade que esta obra non deixa de ser «unha compilación de voces».

Documental en Marrocos

O seu interese polos dereitos humanos foi algo que estivo sempre presente no seu traballo. Antes da súa chegada a Palestina, participou na gravación dun documental sobre o activismo social en Marrocos en colaboración con Agareso, e tamén abordou o drama das migracións dende un campo de Serbia. «É o que me enche e no que máis cómoda me sinto», explica Caamaño, que tamén se fixo co recoñecemento do xurado no certame de poesía Antón Zapata, convocado polo Concello de Laxe. Gañou coa peza Eu. A min, mais non é a lírica algo que valore abordar máis en profundidade nun futuro. «O certo é que é algo que fago máis ben para min, para desafogarme», confesa.

Sobre a posibilidade de seguir publicando os resultados das súas experiencias de cooperación, sinala que non o descarta para un futuro, sempre e cando se sinta tan «cómoda» como sucedeu en Palestina e lle vexa o sentido suficiente a facelo.

Polo momento, e dado que o covid paralizou os seus proxectos, está colaborando de novo con Agareso nun podcast chamado Castañas no verán. A chegada da pandemia colleuna vivindo e traballando en Londres, pero cando a situación comezou a recrudecerse decidiu volver para Galicia. Agora está por terras compostelás, aínda que trata de vir por Carballo sempre que ten un oco dispoñible.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

«No campo de refuxiados viamos dende a ventá os ataques israelís»