Xosé Regueira: E se o Xacobeo 2021 non é a solución?

Xosé Regueira

CARBALLO

BASILIO BELLO

Plumas con mando | Escribe Xosé Regueira, vicepresidente da Deputación da Coruña: «Toda crise é tamén unha oportunidade. Temos aínda moito traballo por diante»

27 sep 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Estamos diante dunha situación totalmente extraordinaria, dunha total incerteza, que nos afecta no plano social e no plano económico, e que comeza a afectar gravemente aos nosos hábitos de comportamento, mesmo aos máis arraigados.

Neste escenario, un dos sectores que máis vai sufrir, que está sufrindo xa a crise, é o turismo. No caso galego, nun escenario que presentaba grandes expectativas de negocio, cun sector á alza e ás portas dun trienio Xacobeo que prometía boas cifras de negocio, despois de cerrar o 2019 cun datos económicos moi esperanzadores.

O turismo, que para Galiza representa entre o 11 % e o 12 % do PIB, é un sector moi diversificado, que xera arredor de 125.000 postos de traballo, e que capilariza outros moitos sectores. A Provincia da Coruña supón o 43% do total do emprego en turismo de Galiza, e dese emprego o 50% son mulleres e arredor dun 46% son persoas menores de 45 anos. Na nosa provincia, cun sector servizos que representa o 63% do seu peso económico, e onde esta crise chega no medio doutra crise, de carácter industrial, tamén moi fonda e moi dramática, a preocupación debe ser máxima.

Un drama

Estamos falando de emprego autónomo, autoemprego, microempresas... Un drama agravado polas peculiaridades do sector, que na súa meirande parte precisa da chegada de moitos turistas para ser rendíbel, algo que non entra na lóxica da loita contra a covid-19, que precisa de poucas aglomeracións e do control da mobilidade.

A situación necesita reflexión, avaliación, planificación e xestión, contemplar perspectivas a curto, medio e longo prazo, e marcar obxectivos que ir acadando até chegar á recuperación; sabendo que esa recuperación vai levarnos a un punto diferente ao que estabamos antes da covid-19.

O camiño do diálogo

Na Deputación da Coruña, nos momentos máis duros do confinamento, decidimos tomar o camiño do diálogo cos diferentes axentes que interveñen no turismo, Turismo de Galicia, concellos, entes de xestión, empresas, universidade, sectores profesionais... E apostamos por ampliar as axudas a concellos e entes de xestión dos xeodestinos, sabendo que non podemos nin emprego, nin capacidade de planificación; porque da cualificación profesional do persoal técnico dos concellos e da capacidade de planificación dos entes de xestión, van depender boa parte dos éxitos futuros.

Falta de autocrítica

Mais, unha vez rematado o confinamento, lonxe de tomar ese camiño da reflexión, avaliación, planificación e da xestión, vemos con desesperanza que estamos na senda da falta de autocrítica, da autocomplacencia, da procura do titular e da escusa, coas mesmas políticas que antes da covid, buscando a salvación na «perpetuación xacobea».

Esta medida, como grande solución, pode ser moi perigosa tanto para a recuperación do turismo, como para o «produto Xacobeo», que corre perigo de esgotarse ou fracasar nun momento tan difícil.

Son moitas as dúbidas máis aló do Xacobeo, das que depende tanto este como moitos outros produtos do escaparate turístico galego.

Cal vai ser a estratexia política cos aeroportos, cos barcos de grande pasaxe, cas axencias de viaxes e o sector profesional que xestiona o turismo, co sector do termalismo, tan dependente dun grupo de risco como o Imserso... E, por último, un dos temas fundamentais, como imos recuperar o turismo urbano? Porque del dependen moitas sinerxias co resto do territorio, e unha boa parte do peso do turismo cultural, ademais da meirande parte do negocio turístico galego. Un turismo urbano ao que a estratexia de comunicación fronte á covid-19 o debilitou por identificalo como un espazo menos seguro que o ámbito rural.

Toda crise é tamén unha oportunidade, temos moito traballo por diante, e poida que o Xacobeo, só o Xacobeo, non sexa a solución.