Alberto Sueiro: «O FIOT non se sostén sen os ingresos de público, fai falla un teatro maior»

Marta López CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

José Manuel Casal

Sueiro, director do FIOT e da A.C. Telón e Aparte, revindica un espazo máis grande, agora que os aforos son reducidos. Do 9 ao 18 de outubro celebrarase o «FIOT en pausa», con programación reducida

27 sep 2020 . Actualizado a las 20:14 h.

Entre todo o que a covid levou por diante nos últimos seis meses hai que sumar unha cita máis, unha que doe especialmente para os carballeses famentos do teatro que o outono adoitaba traer parello. Non haberá FIOT este ano, pero si unhas píldoras que manterán a esencia do festival cunha programación moi reducida e unha aposta firme pola produción galega. Este FIOT «en pausa», explica o director, Alberto Sueiro (Carballo, 1962), servirá tamén para reflexionar sobre como será o futuro desta cita, máis que consolidada na axenda cultural carballesa.

-Sería duro tomar a decisión de suspender o festival.

-Moi duro, polo feito de que se interrompa desta maneira e pola razón que é; pero tamén porque hai menos dun mes nós seguíamos confiando en poder facer unha edición normal. Hai moitísimo traballo que, finalmente, non terá premio.

-Nestes preto de trinta anos de percorrido, será esta a primeira vez que non se faga?

-Si. Non todos os anos foron iguais e o formato actual pouco ten que ver co inicial, pero será a primeira vez, dende que comezamos en maio do 1992, que non se celebre o festival.

-Aínda así, algo de teatro haberá, e de procedencia galega.

-Para o FIOT houbo sempre varios aspectos esenciais: o público, as artes escénicas galegas e o apoio aos novos creadores. Nunha situación tan dramática para o sector tiñamos que facer algo, co cal decidimos manter practicamente todo o teatro galego que tiñamos contratado. E tamén o certame Micro Teatro, porque son espectáculos que os creadores fixeron especificamente para espazos de Carballo e non nos parecía ben deixalos despois de todo un ano traballando nisto. Ademais, e dende hai anos, o festival tamén participa na produción de pezas. Dado que son proxectos que non se fan da noite para a mañá, senón que requiren dun tempo de preparación, quixemos tamén respectar iso.

-Como a peza que escribiu Rosalía Fernández Rial e que inaugurará a sección FIOT Fónico.

-Levamos moito tempo, e con moita xente implicada, traballando neste proxecto, que tanta ilusión nos fai e que xunta varios aspectos. Cos murais de Carballo como escenario, acudimos a Rosalía, unha gran artista e experimentadora, para probar con novas formas de ver teatro. Queremos usar o móbil, o que ata agora estaba considerado como o peor inimigo do teatro, precisamente para ver teatro. Temos moitas esperanzas postas neste proxecto, no que tamén contamos coa inestimable colaboración de Quico Cadaval como director, e do Concello, que proporcionou unha app.

-O teatro lido escolar, cun formato tamén en audio, xa foi louvado por expertos no sector.

-Así é. Murgia, director do teatro nacional belga, veu a Carballo o ano pasado para unha das dúas únicas representacións en España do seu espectáculo e quedou impresionado co teatro lido e a participación dos escolares, xa que el cría moito nos podcasts como unha vía para a dramaturxia do futuro.

-Que destacaría do programa?

-Que é unha aposta pola produción teatral galega. Tiña que ser unha escolma moi pequeniña, pero que ao mesmo tempo mantivese a esencia do FIOT, así que acudimos a compañías galegas de reverencia, como Sarabela ou Chévere, e a un proxecto nacional protagonizado por Carmen Machi e dirixido por Andrés Lima, que é o Premio Nacional de Teatro 2019. A idea é que en Carballo se vai ver teatro moi bo, e que serán compañías galegas as que o traian.

-Con que aforo traballarán?

-Isto foi un dos grandes cabalos de batalla deste horrible mes de setembro. No momento no que Carballo estaba baixo restricións estabamos limitados a 60 persoas pero, tendo en conta que é algo cambiante, agora poderiamos chegar ata o 75 % do aforo. Aínda así, o FIOT xogará co 50 % como máximo, para refrendar a idea de que o teatro é unha actividade totalmente segura. Haberá accesos separados e unha organización innovadora para que todo o mundo veña tranquilo e con ánimo de gozar.

-A imaxe actual que presenta o auditorio impresiona, con tantas butacas precintadas.

-Impacta, si, pero temos que lembrar que estamos facendo algo que hai que preservar, como son os espectáculos culturais. Hai que ter esa conciencia de resistencia e bravura contra unha situación que está comprometendo seriamente o sector.

-A vella demanda dun novo auditorio farase aínda máis forte agora, non si?

-Dende logo. Entendemos que nestes momentos hai moitísimas prioridades que precisan de fondos públicos antes que un auditorio, pero non se pode deixar de lado. Un espazo maior seguramente tería permitido seguir adiante co FIOT, pero nas condicións actuais non. O festival necesita o apoio do público para o seu mantemento: a recadación é un capítulo importante. Por poñer un exemplo: Ribadavia ten un espazo no que pode meter a 700 ou 800 persoas en circunstancias normais; aínda limitando ao 50 % terían 100 butacas máis das que ten o teatro de Carballo a plena capacidade. Iso marca unha diferenza moi importante, xa que as axudas non cobren os gastos e sen os ingresos que aporta o público sería inviable.

-Entre os aspectos que a audiencia máis botará en falta de seguro será a Rúa dos Contos.

-Sen dúbida, e ademais é un apartado que xa ten o seu propio público, é un festival dentro do propio festival; e neste caso si que houbo que cancelalo na súa totalidade. É, sen dúbida, unha das frechas que levo cravadas este ano.