«Será o FIOT máis difícil de esquecer»

Marta López CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

Ana Garcia

O festival de teatro carballés reinvéntase e ofrece un programa reducido debido á situación sanitaria: pezas en sala, micro teatro e innovación do 9 ao 18 de outubro

23 sep 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Non quedou outra que reinventarse. A dirección do FIOT tratou de salvar a que sería a vixésimo novena edición do festival, mais non foi posible. Polo menos, non do xeito que habituaba facerse, pero Carballo non quedará sen teatro neste outono.

Así o anunciou onte o director da cita e da Asociación Cultural Telón e Aparte, Alberto Sueiro, nunha intervención na que estivo acompañado do alcalde de Carballo, Evencio Ferrero. «A pandemia adiantounos e, se seguíamos adiante, podíamos mesmo comprometer a continuidade da propia asociación», apuntou Sueiro, e engadiu tamén que esta circunstancia servirá para reflexionar sobre «o festival do futuro». Tamén tivo o director palabras para as medidas aplicadas ao sector da cultura e, en especial, ao das artes escénicas: «Unha ultra protección que non se ve noutros ámbitos e que está a comprometer o sector».

Ferrero tamén quixo reivindicar o valor da cultura, tamén como vector económico. «Aquí en Carballo notaremos moito a falta do teatro».

Esta pausa, non obstante, non implicará unha seca total de dramaturxia, senón que virá da man dunha programación reducida que renunciará a apartados como a Rúa dos Contos, o Fiotiño ou o OTNI, pero que manterá outros para conservar parte do espírito do FIOT.

Haberá, por un lado, catro espectáculos de sala. Trátase dunha escolma do máis destacado da tempada escénica, un xeito de incorporar o «selo de calidade» do festival con grandes nomes como o de Carmen Machi ou pezas laureadas como Liberto, que opta a sete galardóns nos Premios María Casares.

O FIOT manterá a súa aposta pola produción teatral galega e mesmo haberá presenza local, cunha creación da carballesa Rosalía Fernández Rial. Será esta, precisamente, unha das principais novidades deste ano, pois tratarase dunha peza sonora que se poderá escoitar a través dos dispositivos móbiles en diferentes escenarios da arte urbana carballesa. Haberá tamén certame de microteatro e unha exposición colectiva na que vinte artistas plasman a súa visión da situación sanitaria actual.

A programación, en profundidade

Certame Metro Cadrado

«Croquetas» Sábado 10 •?O Casino 1889 servirá como escenario para as diversas representacións desta peza de microteatro, a cargo da reputada actriz Iria Pinheiro. Haberá pases ás 12.30, 13.30, 18.00 e 19.00 horas.

«Palabra» • Sábado 10 •?De Ana Abad de Larriva, gañadora do II Premio Roberto Vidal Bolaño pola súa obra A sombra das árbores. Representarase na biblioteca Rego da Balsa en varios horarios: 11.00, 14.00, 18.00 e 20.00 horas.

«Manuela é unha inuit. Política postcovid» Domingo 11 •?Nova peza curta que concorrerá ao certame Metro Cadrado. Promove Producións Sr. López e poderá verse na sala de exposicións do Pazo da Cultura ás 12.30, 13.30, 18.00 e 19.00.

«Evasión» • Domingo 11 •?De xeito paralelo, nunha aula do propio Pazo da Cultura, o domingo 11 de outubro tamén se representará en varios pases a proposta Evasión. Será ás 12.30, 13.30, 18.00 e 19.00 horas, así mesmo.

«Ferro, federici (unha introdución» • Sábado 17 •?Da poeta, actriz e performer Helena Salgueiro, gañadora do premio de poesía Avelina Valladares. A peza representarase no salón de plenos ás 12.30, 13.30, 18.00 e 19.00 horas.

 «Lara Hierro: monólogo para corpo en movemento» • Sábado 17 •?Último espectáculo do certame, a cargo da artista galega Constance Hurlé. Poderá verse, previa reserva por correo electrónico, en la ludoteca municipal: 12.30, 13.30, 18.00 e 19.00.

Programación escénica

«Live» • Sábado 10 •?Primeiro espectáculo da programación escénica, a cargo de Emma Santos. Haberá tres pases: ás 18.00, 19.00 e 20.00 horas.

«Curva España» • Sábado 10, 20.30 •?De Chévere, en coprodución con Teatros del Canal, MIT Ribadavia e o Concello de Teo. Combina teatro e cine en directo.

«A lingua das bolboretas» • Luns 12, 20.30 •?Gonçalo Guerreiro dirixe á compañía Sarabela Teatro nesta adaptación da novela orixinal de Manuel Rivas. Recentemente estreada en Ourense, conta no elenco con Fran Lareu, Sabela Gago ou Elena Seijo entre outros.

«A xente 2.0» • Sábado 17, 20.30 •?Cuarta proposta do programa escénico deste FIOT en pausa. Será no Pazo e correrá a cargo de Amorodos Producións.

«Liberto» • Sábado 17, 20.30 •?Unha reflexión sobre a morte e a xestión da dor. Dirixida e adaptada por Tamara Canosa, opta a sete galardóns nos Premios María Casares. Rocío González, Cris Iglesias e Lucía Aldao conforman o elenco.

«Prostitución» • Domingo 18, 20.30 •?Unha visión, dende diferentes planos, da prostitución. De Check-in Producciones, está protagonizada por Carmen Machi, Nathalie Poza e Carolina Yuste, baixo a dirección de Andrés Lima.

Artes plásticas

Mostra colectiva | Proxecto paralelo de artes plásticas no que participaron unha vintena de autores da comarca —de moi diversas modalidades artísticas— que plasmaron a súa visión do momento que estamos a vivir. Os participantes crearon varias obras plásticas cun nexo común e o seu resultado poderá verse nunha mostra colectiva que acollerá o Pazo da Cultura a partir do vindeiro 7 de outubro.

FIOT Fónico

Ficción sonora | Estrea o 9 de outubro •?Unha das principais singularidades deste «FIOT en pausa»: a estrea absoluta dunha ficción sonora obra da carballesa Rosalía Fernández Rial baixo a dirección de Quico Cadaval. Coproducida polo FIOT e LIDISS, a escenografía é unha selección da arte urbana de Carballo. Estrearase o 9 de outubro e poderá escoitarse dende os dispositivos móbiles descargando unha app.