Guillermo Carracedo: «O que queira aventura, que a atope»

FRAN RODÍGUEZ / S. G. CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

XOÁN A. SOLER

A REMOLLO | O médico e deportista di que hai que buscar sen parar os mellores sitios para o surf: na zona hainos bos

13 sep 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Guillermo Carracedo Robelo, 27 anos, médico, triple campión de España de padelsurf (entre outros éxitos surfistas), criado entre Ames e Santiago, con moitos veráns en Louro e raíces familiares paternas en Rus (Carballo), é un namorado da Costa da Morte, e bo coñecedor de toda a comarca. Sobre todo, de Camariñas e o seu faro Vilán, onde ten estado infinidade de veces.

-Hai uns días revalidou o seu título nacional.

-Si, a verdade non me esperaba acadar outro trofeo máis.

-Falamos de padelsurf, derivado do surf, que cada ano se practica máis.

-Si, é unha modalidade que cada ano está tendo máis adeptos, con máis xente practicando, todo para dar paseos pola praia. Pero o que fago eu é o que se fai no surf, pero nas olas, e cun remo. Son deporte, surf e pádel, nos que estás moi conectado coa natureza, facendo un deporte san, moi completo. E nas olas ten ese punto radical e adrenalínico que tanto gusta.

-Empezou por esta disciplina ou por outras?

-Sempre hai que empezar facendo surf. É o máis importante. Ti vas estar metido nun pico, con outros surfistas, e tes que entender as normas non escritas do surf, as preferencias, e sobre todo tes que entender as correntes, o mar, e a mellor maneira de entendelo é facendo surf primeiro, e a través dunha escola.

-É un deporte que se practica con independencia da estación, non? Aínda que se vexa sobre todo no verán.

-Por suposto. Para min a peor época do ano é o verán: moita xente e poucas olas. No inverno é ao contrario, as ondas que queira e só de praia en praia.

-E logo está que vostedes son moi viaxeiros.

-Eu teño a filosofía de levar máis países viaxados que anos teño. E levo uns 37.

-Para ser afeccionado ao surf, tamén hai que selo a viaxar?

-Calquera que sexa surfista e queira atopar olas boas, vai ter que facer moitos quilómetros. E os surfistas somos deportistas e estamos no coche indo dunha praia a outra ata que nos convencen as olas. Así que, si, hai que viaxar.

-Vostede xa leva tres campionatos de España, os últimos dous de maneira consecutiva. Que máis quere gañar?

-Sigo con máis competicións, como surf open. E este campionato de España déixame como o que máis veces o logrou, así que feliz e contento por iso. O ano pasado fora dos mellores da miña carreira deportiva, sendo campión de España e top-5 mundial, e este, a falta de mundiais, porque está todo parado polo covid, pois moi ben tamén.

-A pandemia tamén lles afecta.

-Si, foi un campionato diferente, máis reducido, non podía haber o mesmo público, non podía haber contacto entre a xente... Así que foi un campionato diferente. Pero, aínda así, é un torneo ao que hai que acudir, é unha cita importantísima na que nos xuntamos todos.

-O perigo de contaxiarse, no seu deporte, é obviamente menor ca noutros: táboa na auga, distancias...

-Exacto. O surf é o que ten: non hai medio de contacto peor para o coronavirus que o océano. Non hai posibilidade de contaxio. Alí pelexas cunhas olas que limpan cada dous minutos, cada vez que pasas por debaixo dunha. A verdade, non hai risco, e fóra tes as precaucións habituais de calquera competición normal: distancias de seguridade, máscaras... Pero botas de menos eses momentos das apertas, de que cando gañas érguenche os brazos...

-Hai deportes como o ciclismo ou o kaiak que tiveron máis adeptos precisamente polo covid. No sur tamén o están notando?

-Moitísimo. É algo bo, pero hai que facelo dunha maneira medida e controlada, que a xente aprenda a surfear. Non que vaia unha persoa coa táboa alugada para sacarse dúas fotos na praia e vaia ao mar. Hai que aproveitar para aprender das correntes, dos riscos do mar... É un deporte que non deixa de estar nun medio que non podes controlar. No verán é moi fácil, porque hai un cuarto de metro en calquera praia, pero no inverno cambia a cousa. Ou sexa: hai que facelo ben.

-E en Galicia temos lugares privilexiados.

-E parece que todo o mundo se acordou este verán de que existe Galicia. Temos a sorte de ter moi boas ondas e moitas por descubrir, aí está a nosa maxia. Outros sitios están moito máis masificados e comprometidos. Pero tamén temos a dureza da costa, difícil de surfear. No inverno cambia moito.

-Que lugar da Costa da Morte elixiría para surfear?

-Non o diría [risas]. Os surfistas somos secretistas e gústanos sabelo nós. Se o dicimos, ao día seguinte xa seriamos cen. O surf vai correlacionado coa aventura: o que a queira que a atope. Ese é o espírito do surf.

Máis de preto 

Pois daquela o mesmo coa piscina. Vai a algunha no verán? Non, nada. Mar sempre.

Bebe alcohol? Nada. Cando saio por aí a tomar algo, un refresco ou auga, sobre todo.

Que sitio elixe da costa da Morte? Eu téñolle un especial cariño a Camariñas, e especialmente ao faro de Cabo Vilán. Sempre me gustou moito.

Se ten que facer plans para unha escapada, que elixe? Surfear, sempre. Ese é o meu plan. Pero tamén hai outra cousa que me gusta bastante, que é ir buscar atardeceres a sitios bonitos. E pola Costa da Morte hai uns cantos.

Que tipo de música escoita? Eu son polimusical, escoito de todo.

E para comer, que lle tira máis? Carne, pescado, marisco... O marisco tírame moito.

É de andar e tapas? Si, aproveito ás veces alí por onde ando coas olas.

Fai máis deportes que o surf? Pois o raro é que non faga algún outro. É algo que me gusta moito. O que máis, aparte do meu propio, é o kite surf, teño practicado moito pola zona de Carnota, Muros... Pero tamén buceo, palas, tenis, pimpón, fútbol... Sempre coas precaución de non ter lesións, iso si.