Xabier Díaz: «Levo esta terra, as súas xentes e o seu folclore no meu corazón»

Marta López CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

BASILIO BELLO

A entrega do Bo e Xeneroso puxo punto e final á programación de Esencia Festiletras no Couto

07 sep 2020 . Actualizado a las 19:21 h.

Non foi doado, e calquera outro na mesma situación tería desistido de poñer en funcionamento en plena pandemia toda a maquinaria dun festival como é o Festiletras. Mais, se o Couto foi paseniño converténdose na capital galega das letras, non é porque nesta aldea pontecesá falten gañas e ilusión, mesmo en tempos de máscaras, desinfección e distancia interpersoal. Non houbo apertas, nin reencontros agarimosos, máis o calor da cultura deixouse sentir en todo o pobo.

A crise sanitaria obrigou a prescindir en maio dunha cita que ía camiño dos catro decenios, pero con moito esforzo logrouse transmitir a esencia do Festiletras ata o mes de setembro. «Van case 40 anos nos que aquí medra a ciencia, as letras, a artesanía, a cultura. Medra tanto, que se non puido ser en maio, puido ser en setembro», dicía onte a xornalista Patricia Blanco antes de dar paso ao acto que puxo fin a unha semana plena no Couto: a entrega do Bo e Xeneroso, que este ano, ademais de ser unha soa persoa a galardoada, pasou a clausurar o festival, e non a inauguralo como era habitual.

Recaeu esta distinción sobre Xabier Díaz, «veciño emocional de Bergantiños», como el mesmo di decote, e namorado da súa cultura popular. «Gravadora en man», continuou Blanco, «fixo traballos de campo, recollendo o patrimonio oral desta comarca». Mesmo ten confesado algunha vez que esta é unha terra na que hai «catedrais da pandeireta».

Díaz, que recibiu o premio da man do presidente da Fundación Eduardo Pondal, o rexedor Lois García Carballido, agradeceu e dedicou o galardón «ás mestras, catedráticas, licenciadas» que tanto coñecemento e saber popular lle transmitiron ao longo dos anos. A esas mulleres que espiron as súas mentes e lle regalaron ao músico coplas e letras xamais postas por escrito. Tamén tivo Díaz palabras de afecto para o seu equipo, e tamén para a comarca que onte o nomeou Bo e Xeneroso: «Esta terra está dende hai moito tempo no meu corazón. As súas xentes, o seu folclore...», sinalou, ademais de reivindicar a necesidade de poñer en valor a música popular cantada e a pandeireta, un instrumento frecuentemente deostado.

BASILIO BELLO

Ao finalizar, Xabier acompañouse das Adufeiras de Salitre para vestir con música o broche final a este Esencia Festiletras. Gozado foi este concerto final, que esgotou entradas a unha velocidade meteórica. Con humor, chiscadelas á bisbarra e músicas coas que simpatizou o público, clausurou o artista coruñés esta edición tan atípica, mais especial, da cita cabeceira da aldea do Couto. Por alí pasaron nos últimos días xentes como Ángel Carracedo, Sés, Elena Ferro, Lucho Penabade, Yolanda Castaño ou Luis Davila, que deixou a súa pegada en forma dun mural protagonizado polas súas populares e simpáticas personaxes rurais.