Sés: «Unha das cousas que máis forza dá na vida é a música»

F. Rodríguez, P. blanco CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

MARCOS CREO

Esencia Festiletras | Sés actúa esta tarde no Coutoo, con entradas xa esgotadas. Todos os asistentes pasarán por unha cabina de desinfección, Smart Sanitizer. Onte, ademais, os rapaces recibiron a visita de Ángel Carracedo

05 sep 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

María Xosé Silvar, Sés, volverá hoxe ao Couto, a Ponteceso, para tomar parte no Esencia Festiletras. Farao, ademais, coas entradas completamente esgotadas e reivindicando, como ela mesma dixo onte en Radio Voz Bergantiños, que «unha das cousas que máis forza dá na vida é a música». Non só é necesaria, senón «imprescindible». Poeta dos que sobreviven, poeta dos desherdados, como reza a letra de Liberar as arterias, tema que dá nome ao seu máis recente disco, incidiu en que a música está sendo un sector moi golpeado: «Ou os gobernos comezan a ser honestos ou isto levará a unha pauperización do sector cultural».

Sés tiña previsto dous concertos para esta fin de semana na Costa da Morte, pois mañá ofrecería unha sesión vermú no Fórum de Carballo, dentro do ciclo Orballo Cultural. A cita xa fora aprazada por mal tempo. Non poderá ser, polas últimas restricións a causa do covid: «O primeiro é o primeiro». Non están sendo tempos bos.

Fóra da excepcionalidade do caso carballés, por esas medidas extraordinarias que están agora en vigor, aprecia que hai Concellos que seguen apostando pola cultura, mais non entende que, tomándose todas as medidas como se toman, e sendo o público tan respectuoso co protocolo, se obrigue a cancelar concertos cando as reunións seguen celebrándose noutro eido. «O noso sector é o cuarto en aportación ao PIB español: non só é o que canta, son técnicos, montadores, produtores... Restrixir só unha área non vai servir (...) Levará a unha porcentaxe da poboación á miseria. É unha incoherencia e unha inxustiza». Nesta época complicada saiu á rúa Liberar as arterias: «Sempre é un bo momento. Hai que mirar para adiante e eu seguirei sacando traballos mentres o corpo aguante». Hoxe, no Couto, ás 18.00 horas, verase a forza da bergantiñá.

Literatas para Irma Macías

As mulleres serán esta tarde protagonistas no Esencia Festiletras. Outra voz talentosa, a da vimiancesa Irma Macías, recollerá o premio Literatas que lle outorga a Fundación Eduardo Pondal. Lupe Blanco, será quen llo entregue.

ANA GARCIA

Bergantiños, berce de ciencia

Os rapaces das Aulas Científico-Tecnolóxicas Isidro Parga Pondal, participantes dun Festiciencia en pequeno formato polas circunstancias que se viven, tiveron onte un convidado excepcional, o investigador Ángel Carracedo. De orixe xalleira, está moi vinculado a Bergantiños, como xa deixou ben claro cando recolleu no Couto o seu premio Bo e Xeneroso, «ese agarimo», como o lembrou onte.

Amosouse en Radio Voz «encantando de ir a unha terra tan querida por min» e, aínda máis, ás Festiletras: «Sempre é unha ledicia». Os rapaces terían que expor os seus experimentos, mais Carracedo valoraba que, no canto de xurado, el se achegaría ata a aldea pontecesá «para contarlles cousas». Falarlle e exhibirlles o ADN, por exemplo. «Vou con flexibilidade, coa idea de pasar con eles un anaco divertido», comentaba. Ve ben bonito este tipo de propostas que encarrilan aos rapaces cara a ciencia e que permiten descubrir vocacións temperás. De feito, asegura que non só é cousa do Couto: «En Bergantiños hai máis clubes de ciencia que en calquera outro punto de Galicia, e ademais con diferenza. Iso é un orgullo e ten tamén moito que ver cos docentes. Por iso sempre que podo me achego para departir con eles, é un pracer».

Non foi a única parada científica da xornada de onte: tamén puideron achegarse no Couto ao Roteiro Maker, da man da Axencia Galega de Innovación e da empresa Vermislab. Obradoiros de electrónica, robótica, 3D... «É unha fortuna contar con eles», dixo Xosé María Varela.

Cabina de desinfección e toma de temperatura

Todas as propostas que se están a levar a cabo no Esencia Festiletras fanse cun estricto protocolo de seguridade ligado ao covid. Tamén será así hoxe e mañá, para os concertos de Sés e Xabier Díaz, xa de por si cun aforo limitado e sempre ao aire libre. Todos os asistentes a estas actuacións pasarán por un control de acceso: unha cabina para a desinfección de mans e pés que, ao mesmo tempo, controla a temperatura de cada persoa. Smart Sanitizer, nome desta cabina, foi fabricada e desenvolvida por ITCN e comercialízase a través dunha empresa especializada, Ramecq, con sede en O Porriño. Jonathan Ramiro, CEO da compañía, explicaba onte que eses datos que se recollen sóbense a unha plataforma e que, ademais, a cabina permite levar un rexistro de afluencia: «Ao final do día sábese canta xente acudiu, que temperatura tiña...».

A empresa leva a cabo tamén traballos de maquinaria industrial. A idea é dar unha resposta áxil a calquera necesidade, xa sexa neste ámbito ou no social, como foi o caso do covid. De aí que poidan desenvolver aplicacións en tempo récord: «Esta cabina foi desenvolvida en 15 días, por necesidade dun cliente en Madrid e Pamplona. Isto é posible grazas ao noso persoal, moi implicado». Chegaron ao Festiletras, conta Ramiro, a través do Festival de Cans e, particularmente, da actriz Isabel Blanco (na imaxe inferior, pasando pola cabina).

Smart Sanitizer é unha boa opción para os festivais, e aínda máis cando hai que levar un control tan estrito de aforo como está esixindo o coronavirus. «É unha boa idea por esta cuestión, pero tamén é certo que é unha cabina moi flexible, pola electrónica que leva incorporada», asegura Jonathan, que describe posibles aplicacións en empresas.