«Viva o Festiletras, veña o virus que veña!»

La Voz CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

ANA GARCIA

O programa continúa hoxe no Couto con narración, música, divulgación e ciencia

03 sep 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

«O Festiletras é, para mín [...] posiblemente o maior expoñente de vontade, de compromiso, da cultura pola cultura. E sobre todo dende o rural, ese ente que parece que está morto ou inerte, pero que garda unha forza e un potencial que non existe nas cidades». Xosé Lois Romero e Suso Vaamonde presentaban con esta introdución o espectáculo que levaron ata a Eira de Rosende, no Couto, no marco do programa Esencia Festiletras. «A heroicidade está en facelo este ano [...] e que, aínda con estas condicións, poidamos coñecer espazos marabillosos como estes para facer eventos», engadían. Romero e Vaamonde levaron ata a localidade pontecesá a súa proposta «24 instrumentos populares galegos», emparellando algúns aparellos como o acordeón, a zanfona ou mesmo unha tixola.

Ana Garcia

Onte pasou tamén polo Couto Pakolas -con música rock en galego- acompañado pola ilustración en directo de Laura Romero; así como a artesá Elena Ferro, recoñecida polos seus populares zocos, e Xulia Feixoo e Guillerme Ignacio, que ofreceron un obradoiro de canto e pandeiro.

A actividade continuará hoxe, coa narración e música que levarán Rilo & Penadique (Lagares, 12.00 horas), dúo formado por Vero Rilo e Sonsoles Penadique. Tamén está prevista no programa unha actividade de novo co divulgador Xurxo Mariño (Fundación, 12.00) e outra relacionada coa muller (tamén na Fundación, 18.00).

Ana Garcia