Unha homenaxe ao asociacionismo

PLUMAS CON MANDO | Escribe Lois García | O rexedor aposta pola necesidade de «atraer talento mozo que viva, emprenda e traballe» na Costa da Morte


Fundación Eduardo Pondal, Museo Etnolúdico de Galicia, Museo de Arte Contemporánea da Costa da Morte, Asociación Nosa Señora do Faro, O Camiño dos Faros e o Instituto de Estudios Bergantiñáns. Só seis dos moitos exitosos proxectos culturais e turísticos únicos en Galicia que foron quen de ser viables sen apenas apoio externo na Costa da Morte. Cando se quere investir en cultura, en patrimonio, apoiando iniciativas locais de interese global, pódese.

Se ben o Concello de Ponteceso e outras institucións colaboran coas súas iniciativas, con loxística e mantemento, dependen no esencial do noso rico movemento asociativo. Dificilmente poderían nacer de ningún Concello, por moitos investimentos nin persoal a cargo que se puxera.

Xusto ao revés, no país dos «chiringuitos», as seis funcionan practicamente sen persoal propio, a base de moitas horas de voluntariado dos seus colaboradores. Estes incluso teñen arriscado seu patrimonio, decote queimando as súas pequenas vacacións, ou a súa xubilación, de xeito altruísta ao servizo da cultura en Galicia.

Velaquí unha homenaxe a todo o asociacionismo, a todas as entidades da Costa da Morte. A eses homes e mulleres que non miran horas para que o río estea limpo, os estadios perfectos e con todo o aparello preparado para os deportistas, para que os que veñan nadar coman despois unha boa paella recén feita e os nenos do torneo coman gratis churrasco e xeados, aos que preparan as mellores festas patronais aínda que haxa que botarlle moitas horas despois dunha longa semana na construción, no mar, na granxa. Para que as que van bailar teñan traxes, gaitas e pandeiretas e poidan mellorar con clases e certames.

Sen dúbida todas elas fan unha gran aportación ó gran reto da Costa da Morte; atraer talento mozo que viva, emprenda e traballe aquí. Vivimos no paraíso, por múltiples factores culturais, paisaxísticos e de estilo de vida. Pero como na tradición clásica, parece que sempre hai unha maldición agardando aos que herdan o edén. A nosa é a desaparición como comarca, atendendo as proxeccións demográficas. Atraemos moi pouca poboación nova e a inmensa maioría dos que se forman, nunca volvan vivir, traballar, emprender na Costa da Morte. Se fomos quen de brillar no asociacionismo, temos que saber quitarnos de riba esta negra sombra.

Lois García Carballido é alcalde de Ponteceso. 

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
2 votos
Comentarios

Unha homenaxe ao asociacionismo