David Amor: «Son un namorado tardío do Ézaro»

Marta López CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

ANGEL MANSO

A remollo | Este verán achegouse ata o paraíso dumbriés para gozar dun paseo en moto de auga pola zona

30 ago 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Cre David Amor (Salceda de Caselas, 1980), que a risa fai falla en calquera momento da vida: tanto nas boas como nas malas. Tras uns duros meses de confinamento, nos que recoñece que pasou por tódolos estados anímicos posibles, o humorista ten un novo monólogo co que, pouco a pouco, está volvendo á actividade. Entre tanto, durante as súas vacacións de verán fixo un oco para gozar de actividades náuticas no Ézaro, do que se confesa «namorado».

-Que tal a volta á normalidade tralo confinamento?

-Iso da normalidade... Non sei se existe aínda [ri].

-Diría que o seu foi dos colectivos máis prexudicados?

-Creo que cada sector ten o seu, a súa idiosincrasia e a súa maneira de funcionar, e nós estamos no medio de todo iso.

-Puido facer xa algún espectáculo público?

-Algunha cousiña houbo, si. Levaba dende febreiro parado e había moitas ganas de volver. Queremos estar de novo coa xente, aínda que as condicións son as que son... Imaxina: xente en fila, coas máscaras postas... Máis parece que están facendo unha oposición que asistindo a un espectáculo de risa, pero é o que hai e temos que ir adaptándonos ao que nos mandan.

-Algo de risa é precisamente o que máis falla fai agora mesmo.

-O humor fai falla sempre. Senón, para que estamos nesta vida? Só para traballar, pedir unha hipoteca e ter cartos no banco? A risa é unha das cousas que lle dá sentido á vida, non fai falla que suceda algo malo para que faga falta. Oxalá a xente se animase máis a ir aos espectáculos en directo, porque ese anaquiño que estás aí supón un descanso para a cabeza.

-Que tal está a ser a afluencia?

-Polo de agora, como o aforo é moi limitado, sempre se completa, co cal non teño moita referencia. Cada un leva esta situación de forma diferente e eu entendo que haxa xente á que non lle apetece ir a lugares moi concorridos, aínda que nas terrazas parece que non hai ese problema.

-Como levou a corentena? Tratou de manterse positivo ou tivo momentos baixos?

-Creo que pasei por tódolos estados, como todo o mundo. Non fixen pan [ri].

-Pois polas redes víronse moitos intentos de repostería nestes últimos meses... Emprega vostede moito estas plataformas?

-Téñoas como unha vía de contacto co público e trato de darlles algo de contido para que non sexa só un taboleiro de anuncios.

-No confinamento compartiu o seu problema coas luvas: non están feitas para mans grandes.

-Nas redes sempre trato de poñer algo de humor e o certo é que coas luvas estaba tendo un verdadeiro drama: protexíame contra o virus tres cuartos da man, e o resto... É un problema que levo sufrindo hai tempo, pero agora fíxose moito máis palpable. Despois houbo un tempo que comezaron a poñer bolsas, en vez de luvas, e aí si que xa ía ben: algo xusta, pero ben [ri]. Ao final creo que unha persoa que está san sabe atopar un momento de risa ao día.

-Habería que consultar o número de veces que segundo os expertos se hai que rir ao día para activar os músculos da cara, pero polo menos unha, non?

-Eu penso que máis dunha! Que senón vaia tristeza de día...

-Este verán vímolo gozar dun paseo en moto de auga polo Ézaro.

-Eu son un namorado tardío do Ézaro. Encántame, e en canto podo escapo para alí. Paréceme desas cousas incribles que ten Galicia e que moita xente non coñece. Eu coñecía esa zona dende terra, pero nunca dende o mar, e esa xornada na moto de auga -que xestiona o meu compañeiro Rubén Prieto- foi unha marabilla: unha estrela máis a sumarlle a ese paraíso.

-Só lle queda velo dende o aire.

-Pois creo que o propio Rubén, que é un home-orquestra, se ten tirado en parapente dende algunha desas ladeiras.

-Animaríase?

-Uf! Eu o das alturas lévoo regular... Apetéceme, pero non sei se me atrevería. Polo xeral son bastante botado para adiante, pero o de non ter onde agarrarse ou onde parar se quero baixar...

Máis a fondo

Praia ou piscina? Barco!

Que elixiría entre un barco pola Costa da Morte ou os Canóns do Sil? Polo Sil, que é máis tranquilo [ri]. Pola Costa da Morte é máis fácil que che pille mar e tes que ter a onde agarrarte.

Chill out ou chiringuito de verán? Chiringuito, de toda a vida.

Carne ou peixe? Por que hai que elixir? [ri] Co rico que está un espeto de raxo con langostinos...

E sumámoslle o marisco, non? Xa que estamos.. Si si, por suposto. Postos a pedir... Como se fose para unha voda.

Cal é o seu prato preferido? Sabería elixir? Calquera que cociñe a miña nai. Encántame todo o que fai: dende o máis sinxelo ata cando se pon a inventar, todo é un gusto para o padal.

Confinamento no rural ou na cidade? Podendo... no rural.

Cal foi o primeiro sitio ao que foi cando levantaron as restricións? A ver a meus pais.

Practica deporte? Si.

Ten medo a viaxar en avión? Non, e menos mal, porque adoito voar moito.

Algunha parte do avión na que lle guste máis sentarse? Se podo trato de ir nunha saída de emerxencia, por ter algo máis de espazo.

A que lugar iría de vacacións tódolos anos, se tivese a oportunidade? A Ferreirós, á casa da miña avoa.