Ata sempre, Ferrín

Natalia Lema
Natalia Lema ECOS DA GÁNDARA

CARBALLO

24 ago 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Caxadas e Vimianzo quedan máis orfos co pasamento de Ferrín. Aínda non cría o que vían os meus ollos despois de ler o seu obituario, é case imposible pensar que nunca o volveremos ver. Morreu un home xusto, de carácter, tremendamente intelixente. Semella que foi onte cando comezaba con meu irmán o colexio, nesa idade tenra dos catro anos, toda tímida. Daquela, de tan pequeniña que era, facíase imposible ás veces subir os chanzos do autobús. Sempre había unha man que aliviaba o peso da mochila.

Ferrín era un home bo e xeneroso. Así o penso, con todas as letras. Din que todas as persoas son boas despois de morreren pero no caso del era así, verdadeiramente. A pesares de ter unha das empresas referentes no transporte de persoas na Costa da Morte, era sinxelo e humilde.

Recordo del centos de anécdotas do seu carácter afable. Todos éramos os seus nenos, aínda que nos fixésemos maiores. Sempre había unha aperta cando nos cruzábamos na rúa. A preocupación que sempre mostraba pola saúde de meus avós.

Botarei moito de menos as viaxes onde, cando quedaba o habitáculo baleiro, me dicía: Vas, aí Nati? Entón comezábamos a falar de todo: da vida, do tempo, da comida que comería eu ao chegar a casa... Intentábamos resolver o mundo coas nosas conversas.

Ferrín deixou unha pegada moi fonda en nós, nos nenos que pasamos polo seu autocar, nos compañeiros de profesión onde era admirado e respectado e, sobre todo, na súa familia que sente máis ca ninguén a súa morte.

A xente coma el non debía de morrer nunca. Non é xusto, a morte nunca o é. Considero, de todas formas, que será un ata sempre porque, as persoas mentres habiten no recordo e no corazón, vivirán sempre dalgunha forma en nós. Que así sexa.