Artesanía na Costa da Morte: protexamos o noso

Sandra Insua Rial

CARBALLO

PLUMAS CON MANDO | Escribe Sandra Insua, alcaldesa de Camariñas: «Non podemos deixar que se perdan as nosas tradicións, as que nos ensinaron os nosos avós e avoas, en favor dun modelo de produción en cadea desprovisto de toda identidade»

23 ago 2020 . Actualizado a las 19:41 h.

Por todos é sabido que a Costa da Morte é unha terra de tradicións. E están moi arraigadas todas elas, moldeando e forxando a identidade das persoas que vivimos no recuncho máis fermoso do planeta. Moitas destas tradicións teñen que ver coa artesanía, artes milenarias que pasan de xeración en xeración e que, lonxe de ser só un produto, son un anaco de historia e un símbolo para o pobo.

Eu teño a honra de ser de Camariñas, lugar onde a artesanía se coñece, se estuda e se aplica a través do encaixe. O encaixe de Camariñas é coñecido en toda España e en moitas partes do mundo en boa parte grazas ao Museo do Encaixe e á Mostra do Encaixe de Camariñas, que durante a Semana Santa se encarga de exaltar o traballo das nosas queridas palilleiras e que conseguiu que o encaixe se consolide como un elemento de moda empregado polos deseñadores máis coñecidos e os que están comezando. Todo isto baixo o inconfundible son dos palillos repicando.

Na miña terra tivemos un veciño que pasará á historia como artesán da natureza. Estou falando de Manfred Gnädinger, coñecido como Man de Camelle. No seu xardín creaba ao aire libre esculturas con pedras, anacos de madeira, esqueletos de animais e todos os materiais que lle chegaban do mar. O seu legado pode verse aínda en parte no espazo que ocupou durante tanto tempo, e tamén no museo que leva o seu nome, e que lle dedicamos no Concello, toda una casa da cultura que mira o mar e que tamén dá soporte a outras actividades culturais e sociais.

Pero non todo vai ser Camariñas, que se me vén as cores. O encaixe tamén é arte e oficio noutros municipios como Muxía e Vimianzo, tres municipios irmandados polo fío desta tradición e onde os avós ensínanlles os secretos dos palillos aos máis pequenos desde o berce.

Outra das artes que exporta o noso territorio cara o exterior é a olería. En Malpica saben moi ben do que falo xa que os oleiros de Buño, galardoados coa Medalla de Ouro de Belas Artes, manteñen viva coas súas mans unha actividade secular que transforma o barro da terra en utensilios cotiás dunha beleza abraiante e de alto valor sentimental. O Ecomuseo de Forno do Forte ou algún dos múltiples obradoiros de olería son de obrigada visita.

En Vimianzo, os que visiten o seu monumental castelo poderán coñecer de primeira man todo o proceso de fiado do liño, que durante moitos séculos constituíu a materia prima téxtil da zona, por diante da lá. Un proceso de plantado e recolección laborioso que se transforma en produto grazas a un proceso digno de ver.

Non me quero olvidar do Sancosmeiro. Seguro que moito de vós o coñecedes. Sabedes que é tradicional de Mazaricos? Alí chámanlle arte en palla. É un sombreiro que se elabora usando como materia prima pallas de trigo e centeo, unha prenda imprescindible para o verán. Ademais, os artesáns de Mazaricos aproveitan as pallas de trigo e centeo para realizar diferentes figuras, obxectos e formas.

En Mazaricos, aínda que menos coñecida, tamén hai tradición de cestería. Unha artesanía transmitida a través de séculos e xeracións, que tamén sobrevive en certas zonas de Ponteceso, pero que quizás necesita dun pulo para obter o recoñecemento que merece. Non é nada doada a técnica que usan os artesáns para fabricar cestas, coa dificultade extra de ter que competir coas súas mans contra a produción industrial.

Produción industrial

Quero rematar este texto precisamente falando da produción industrial. Non podemos deixar que se perdan as nosas tradicións, as que nos ensinaron os nosos avós e avoas, en favor dun modelo de produción en cadea desprovisto de toda identidade e feito dun xeito frío, sen ningún tipo de apego. Debemos protexer o noso, porque se o facemos estaremos protexéndonos tamén como pobo e logrando que a nosa identidade e forma de ser e facer as cousas sobreviva dun xeito infinito.