Xan Fernández: «Cando a sociedade fai seu o patrimonio é cando o defende, e para iso debe coñecelo»

Patricia Blanco
PATRICIA BLANCO CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

BASILIO BELLO

TURISMO A TODA COSTA | Con obras moi variadas sobre a Costa da Morte, vén de publicar unha en torno a Moraime

18 ago 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Xan Fernández Carrera (Bamiro, Vimianzo, 1951) foi durante máis de tres decenios docente no colexio Alcalde Xosé Pichel de Coristanco. Longa é tamén a súa carreira como divulgador: ten escrito e publicado ensaios ou obras sobre a vila coristanquesa, a Costa da Morte a moitos niveis, o fotógrafo Ramón Caamaño, o poeta López Abente, A Barca, as peregrinacións, as romarías... Máis recentemente aínda, sobre o Río Anllóns, nun traballo colectivo, e sobre Moraime. Foi esta última obra, Moraime: centro histórico da Costa da Morte, a que deu a coñecer este pasado sábado. Xan é, ademais, presidente do Instituto de Estudos Bergantiñáns; membro da directiva do Seminario de Estudos Comarcais da Costa da Morte (Semescom) e parte da Fundación López Abente. A través das súas monografías un pode facer turismo ben certeiro.

-Foi numeroso o público que acudiu a Moraime. Como o valora?

-Quedei moi satisfeito, pola acollida e pola asistencia. Sempre se critica que a xente non valora o patrimonio, e é unha verdade, pero neste caso case que non se pode dicir. Ata quedou xente fóra e penso que se repartiron uns 90 libros, un por familia, porque dalgunha viñan varias persoas. Quedei sorprendido eu e quen alí me acompañaba, porque ao final era un acto que non organizaba unha institución, aínda que estou agradecido á Deputación pola súa colaboración, senón que era unha iniciativa case persoal. O obxectivo da publicación, sinxela, pero precisa, era espertar o interese por Moraime, que a xente o coñecese, e así espertar tamén nas Administracións un apoio á súa protección e á súa posta en valor. Estou satisfeito, por tanto, porque parece que se cumpriu ese fin.

-Moraime ten moito que ofrecer, mais semella que un cando vai a Muxía só pensa na Barca, aínda que Moraime está no camiño.

-Certo, case que pasa desapercibido, e iso que Moraime ten un patrimonio moi visible. Por iso mencionei unha serie de cambios ou inversións que, sen grande custo para as Administracións, redundarían nunha maior facilidade para visitalo: un aparcadoiro, a creación dun centro de interpretación con algúns dos obxectos recollidos, prospeccións na parte arqueolóxica ou impulso de actividades de tipo cultural, como se fai en Dombate, relacionadas por exemplo co Camiño.

-Ten escrito e publicado sobre moitos espazos e cuestións da Costa da Morte. De onde lle vén ese afán pola divulgación?

-Creo que, en parte, da profesión, do ensino. Cando empezamos a dar clase rompemos bastante co método tradicional e queriamos que os alumnos aprendesen do medio que tiñan ao redor: aprenderon a ler coas súas frases e palabras e aprenderon da natureza e do patrimonio histórico que había preto do colexio. Unha vez que organizas estas actividades, como profesor tes que saber explicarlle aos rapaces que é o que ven, investigar, buscar información. De aí vai nacendo toda a miña curiosidade: son un pouco cidadán da Costa da Morte. Nacín de casualidade en Bamiro, crieime en parte na Ponte do Porto (Camariñas), vivín en Carballo e dende que me casei, hai máis de 40 anos, paso veráns, fins de semana e tempo libre en Muxía... A curiosidade polo que me rodea é a orixe de todas esas publicacións sobre espazos das miñas vivencias e entorno vital.

-E é parte activa de varias entidades divulgadoras, ademais.

-Gústame colaborar con asociaciacións e, sobre todo, coa sociedade civil. Queixámonos de que as Administracións non fan nada, pero nós como cidadáns tamén nos podemos preguntar que podemos facer. É importante que a sociedade civil se organice, faga cousas e propoña ás Administracións.

-É difícil publicar?

-Cada vez o é máis, incluso para os escritores consagrados. Pero eu podo dicir que tiven sorte, colaboración de institucións e incluso dalgunha editorial, co cal fun sacando adiante os traballos.

-Ese patrimonio que recolle téñeno ao carón os veciños, pero semella que, véndoo en formato libro, o valoran moito máis.

-Moraime é un exemplo perfecto. Ten bastantes publicacións científicas e en revistas especializadas, tamén algunha tese, pero toda esa información é bastante inaccesible ao público en xeral. Hai a necesidade de reunir, seleccionar, sintetizar e facer que chegue a el. Penso que, despois deste tipo de libros divulgativos, moi necesarios, a xente valora máis as cousas. Defendo que sempre se vai conservar aquilo que se coñece e do que a sociedade se apropia en certa maneira: cando a sociedade o fai seu, e se identifica con este patrimonio, é cando logo se defende e se quere que non desapareza. Para iso é esencial coñecelo. Estas publicacións, penso, son unha forma de que a xente se achegue a el.