As anpas galegas non descansan

Natalia Lema
Natalia Lema ECOS DA GÁNDARA

CARBALLO

17 ago 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Eu estudei en clases de seis alumnos, tamén en clases de vinte e seis. A primeira opción é case anecdótica e privilexiada, pero dáse cando os colexios do rural intentan manter as aulas e a oferta educativa. A segunda opción é froito das aulas saturadas onde, por non desagregar niveis, óptase por aglomerar alumnos, afectando ao rendemento persoal e ás necesidades especiais. Se isto pasa na aldea, pensen a cantidade de alumnos que se apiñan nas aulas da cidade, onde a densidade de poboación é moitísimo maior.

Ao parecer, o coronavirus veu para facernos reflexionar sobre o modelo constante de precariedade nas aulas. Aínda así, tanto mestres como familias enfróntanse a un curso difícil, despois dun parón longo, sen un protocolo establecido e co medo de poderen contaxiarse, sen medios de control.

Mais as Anpas non descansan. O traballo incansable de pais e nais fornece que se leven a cabo iniciativas moi necesarias. A presidenta de Anpas da Coruña-Costa da Morte, María Carmen Cacheiro, é a anfitrioa dun proxecto onde se convida a autores e artistas multidisciplinares a falar do rural de forma aberta. A iniciativa, titulada “Somos Rural”, reivindica o garante da vida rural, a difusión cultural, a conservación das tradicións e a paisaxe, así como o dereito dos nenos e as nenas a unha educación de calidade, independentemente do lugar onde vivan.

Se o mundo evoluciona e non queda varado na decadencia deste ano, habemos de pensar na calidade educativa que lle temos que ofrecer aos nosos fillos e netos. Os expertos xa falan que estes meses na casa supuxeron un gran retroceso na súa aprendizaxe. Non podemos pensar nunca que as pantallas e a educación a distancia poden suplir a un mestre. Impensable.