O Camiño das Feiras e o libro «O río Anllóns, arteria principal de Bergantiños»

ESCRIBE LUIS GIADÁS | Hai 155 anos que un pontecesán indicaba a un íntimo amigo seu cal era o camiño que tiña que seguir para vir dende Compostela ata esta Ribeira Baixa do Anllóns...


Hai 155 anos que un pontecesán indicaba a un íntimo amigo seu cal era o camiño que tiña que seguir para vir dende Compostela ata esta Ribeira Baixa do Anllóns: ao chegar a Agolada tiña que baixar dende A Mata e o Alto de Baneira ata a ponte da Garga de Anllóns. Noutras palabras: Eduardo Pondal guiaba a Manuel Murguía a través do Camiño das Feiras, que ía dende a feira das zocas, no cruce de Baneira coa Penela e A Margarida, ata a Feira Vella, en Anllóns de Arriba. Esta era a estrada soñada polo alcalde e deputado Cesáreo Pondal, irmán de Eduardo, e que non puido levar a termo, polo que os pontecesáns xa non imos rectos cara a Santiago senón que temos que retroceder cara Carballo ou avanzar cara Baio. Oxalá algún día se aproveite esta senda, agochada hoxe en día trala matogueira, para recuperar un interesante roteiro, agora que, tralo confinamento, férvenos os pés a todos por tomar o aire. Nesta ponte da Garga diríalle Eduardo a Manuel, con palabras sublimes, o que eu transcribo no capítulo que me tocou no libro O río Anllóns: arteria principal de Bergantiños: «Este é o río do meu val nativo. As fontes dos seus afluentes cantaruxan ledamente monte abaixo e representan a miña infancia e xuventude despreocupadas, cando quedei engaiolado pola deusa natureza ; a ría é o camiño derradeiro do Anllóns e da miña propia vida, onde ceibarei as últimas estrofas». Claro que o que o Bardo de Bergantiños do nunha simbólica frase, a min lévame catro páxinas de notas eruditas, tentando buscar os múltiples afluentes literarios dos que bebeu a caudalosa corrente do poeta: a verdade, non é só un cumprido de amizade cando Emilia Pardo Bazán sentencia: «Pondal es un diamante en bruto, el más instruido de los poetas gallegos».

Se puidéramos viaxar co Ministerio do Tempo, Murguía baixaría na besta dende A Miñata e Pondal estaría agardando apoiado no pretil da ponte, cun exemplar desta obra e comentaríalle sobre os muíños de Saímia e os veciños de toda a volta, carrexando os sacos de fariña en equilibrio polo paredón; sobre a capela de Antelo, onde estaría a Virxe das Angustias, acaroada agora ao camiño; sobre a chea de anguías, reos e salmóns que aquí se capturaban e que chegaron a fartar aos canteiros que labraban as pedras da igrexa de san Fiz, a das campás evocadoras de soidades; sobre o Pozo do Cepo, onde mollarían a imaxe de san Xoán, levada en procesión, para así atraer a chuvia e que bebera do ceo o pan das colleitas… Comentaría Pondal tantas cousas sobre tódalas parroquias do concello de Ponteceso que daríanlle a Murguía, investigador febrilmente curioso, para outros cinco tomos da súa Historia de Galicia.

Pero esta monografía sobre a arteria principal de Bergantiños non a fixemos só para eruditos, nin sequera para potenciais visitantes, que tamén, senón para vós, os bergantiñáns, para que coñezades, valoredes e preservedes o patrimonio natural, histórico e artístico que vos deixaron os vosos devanceiros. A cada un de vós tocaríalles dos vosos pais unha tenza ou unha chousa nada máis, pero pensade que en conxunto os vosos maiores deixáronvos unha herdanza máis xenerosa: toda esta terra que abrazades cos vosos ollos. Tede conta dela, para depositala, mellorada, nas mans dos vosos fillos.

Se volvera Murguía e Pondal lle obsequiara con este libro, vería que Ponteceso e, sobre todo Anllóns, é rico en todo e non lle falta de nada: por ter, Anllóns de Arriba ata ten… a filla do demo sentada nun valadiño!

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
3 votos
Comentarios

O Camiño das Feiras e o libro «O río Anllóns, arteria principal de Bergantiños»