Antía Muíño: «Tocar na carballeira de Baio é un regalo»

Cun recente proxecto musical persoal iniciado, ten varias datas previstas na Costa da Morte: Muxía e Zas


carballo / la voz

O verán está sendo de «amizades, familia, casa, preparación de concertos e perfeccionamento musical» para Antía Muíño (1992). No Milladoiro (Santiago) está o seu fogar, pero esta artista licenciada en Dereito tamén ten alma e raíces da Costa da Morte. Concluíu xa o grao superior de guitarra no Musikene, o Centro Superior de Música do País Vasco, e por San Sebastián e arredores segue dando pasos. Estes meses, cun proxecto persoal recén iniciado e que leva o seu propio nome, está a ter un bo número de actuacións na súa Galicia natal. Esgotou entradas para o concerto no parque de Bonaval, xa celebrado, pero axiña chegarán novas oportunidades de vela e escoitala. Ademais de tocar, canta. E que voz!

-A súa volta a Galicia é xa definitiva ou é tan só un verán?

-Máis ben estou pasando o verán. En setembro comeza o curso de novo e estou traballando nunha Escola de Música en Hondarribia. Dou clases de guitarra.

-Como xa contaba hai un tempo, segue tirando entón máis pola vertente artística.

-Si, por agora si, sigo nese camiño. De feito, estaba preparando tamén oposicións para a praza de Conservatorio, pero pospuxéronse e houbo que mudar plans.

-Algún proxecto novo?

-Xustamente hai uns meses que comecei o meu proxecto persoal, Antía Muíño: eu, coa guitarra e facendo temas meus, ademais de adaptar algunhas outras músicas, cancións tradicionais... Era algo que levaban tempo pensando, pero o confinamento axudoume a maduralo un pouco máis [no confinamento compuxo, por exemplo, o seu tema Carta aberta]. Para este verán saíron bastantes datas: esta fin de semana que vén estarei no Barco de Valdeorras e na Cañiza. Irei en formato trío, co guitarrista Xosé Antonio Rodríguez e co saxofonista Miguel Arribas, que tamén me acompañou en Santiago e en Redondela. Está quedando algo moi xeitoso.

-Se alguén lle pregunta que vai ver nun concerto seu, que diría?

-Atopará unha mestura de varios estilos musicais, as músicas nas que levo mergullándome nos últimos anos. Hai clásico, porque toco a guitarra clásica, pero tamén música tradicional, porque é un mundo no que estiven metida e do que me levei moitas cousas. Ademais, jazz e bossa nova, dous estilos nos que levo un tempo afondando máis. A maiores deste proxecto persoal, integro tamén un trío de jazz, Arnela [temas como Flor de Lis, gravado en corentena cada un dende a súa casa]. Tiñamos varias datas, pero co covid caéronse. Coñecémonos no Musikene, o grupo formámolo en San Sebastián e de momento con el aínda non pasamos por Galicia. Si actuamos por alí, na zona, e tamén en Valladolid, no festival de jazz.

-Que sensación lle deixan estes primeiros concertos co seu proxecto persoal e nun tempo tan especial, polo covid-19?

-Penso que a xente tiña ganas de escoitar música, de participar de encontros ao aire libre, sempre mantendo todas as medidas de seguridade, por suposto. Percibimos moi bo acollemento. Agradécese que haxa quen siga apostando por manter os concertos.

-Será especial o que está incluído no Verán Cultural de Zas?

-Claro! Vai ser na Carballeira de Baio e tocar aí é un regalazo. Todas estas datas de verán chegáronme de sorpresa nun primeiro momento porque moitos músicos, hai un mes ou dous, dabamos case por perdida a tempada. Que primeiro me chamasen de Santiago xa foi incrible, e logo de Baio, a miña segunda casa... Un pracer.

-A idea dun disco anda preto?

-Teño moitas ganas. Xusto despois da corentena gravei un par de maquetas. Hai tempo que levo dándolle voltas ao do disco, e si, canto antes mellor, a ver se para o curso que entra. Barallo opcións.

-Móvese moito por redes, tamén. É preciso no artista de hoxe.

-Cando te metes neste camiño asumes que tes que autoproducirte, e as redes niso xogan un papel moi útil. A través de Facebook e Instagram chegas a xente que igual doutro xeito non chegarías.

Onde actúa proximamente? Este venres, 7 de agosto, no Barco de Valdeorras. O sábado, 8, na Cañiza. O 20 de agosto, dentro do ciclo Orballo Cultural, Antía ofrecerá un concerto no Parador de Muxía (entradas en woutick). O 29 de agosto estará na Carballeira de Baio, dentro de Verán Cultural de Zas: reserva de entradas (de balde) no 981 751 398 e no 981 718 056.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
3 votos
Comentarios

Antía Muíño: «Tocar na carballeira de Baio é un regalo»