Bergantiños, terra de oportunidades

Escribe o alcalde da Laracha | A Laracha representa o 11 % da produción de horta da provincia da Coruña e o mar da Costa da Morte é un referente de calidade de peixe e marisco


O termo latino resilio, que significa algo así como volver atrás dun salto, é a orixe da palabra resiliencia que tan de moda está para dar nome á capacidade de adaptación das persoas ante as situacións adversas e á habilidade de xurdir dos contratempos. A resiliencia, por definición, é individual, pero son principalmente os factores externos os que provocan a súa necesidade e tamén os que a poden facilitar.

A miña visión de futuro sobre a comarca de Bergantiños é optimista, porque aquí temos todo para favorecer a resiliencia: ofrecemos oportunidades aos emprendedores que aposten por desenvolver calquera idea de negocio e tamén ás persoas e familias que procuran realizar o seu proxecto vital. Que en Bergantiños temos a mellor das terras para as actividades forestais e agrogandeiras xa o sabiamos. De feito, A Laracha representa o 11% de toda a produción de horta da provincia da Coruña. Tamén que o mar da Costa da Morte é un referente de calidade de peixe e marisco. Somos excelentes xeradores de materias primas e seguro que hai oportunidades por descubrir para engadirlles valor e transformar eses produtos en obxectos de desexo.

Moitas vías que explorar

No sector turístico aínda existen moitas vías que explorar, pero tamén sabemos das nosas posibilidades pola gastronomía, espazos naturais, patrimonio histórico, cultura e tradicións. E tampouco cabe dúbida de que o comercio e os servizos de proximidade son os que mellor nos coñecen e atenden, polo que investir na súa modernización tamén é facelo no futuro da comarca e na calidade de vida dos cidadáns.

Nos últimos tempos estamos a comprender a importancia dun tecido industrial forte como ente xerador de emprego e riqueza. O parque empresarial da Laracha estase quedando pequeno e xa estamos vendo a necesidade de amplialo ante o seu potencial de desenvolvemento no eixo Arteixo-A Laracha-Carballo que, co porto exterior de Punta Langosteira de fondo, pode converterse no máis importante do noroeste galego.

O informe Ardán revela que Bergantiños está entre as comarcas de Galicia que máis riqueza xeran e as expectativas para os próximos anos son prometedoras. E, por suposto, o que nós xa sabiamos eran as vantaxes de vivir aquí, preto de grandes cidades, pero fóra delas. Durante a pandemia a sociedade mudou o seu modo de ver o rural no conxunto de España, e esa é unha das oportunidades que debemos aproveitar.

Por iso é primordial que as distintas Administracións traballemos de xeito coordinado na procura de reforzar os incentivos para vivir nas zonas máis despoboadas, fixando como obxectivos prioritarios mellorar as conexións viarias e dixitais, aplicar rebaixas fiscais, ofrecer axudas á natalidade e programas de conciliación para que os mozos poidan ver no rural un punto de destino e apoiar aos diferentes sectores produtivos do campo para xerar emprego.

Bergantiños teno todo para afrontar o futuro con optimismo. Aproveitemos o que nos ofrece esta terra de oportunidades.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
2 votos
Comentarios

Bergantiños, terra de oportunidades