O dolmen de Dombate alonga o verán con cultura

CARBALLO

BASILIO BELLO

OCIO E DIVULGACIÓN NA CATEDRAL DO MEGALITISMO | Concello de Cabana e Deputación ofrecen un intenso programa para agosto e setembro. Obradoiros, teatro, música, astronomía, ciclismo, malabares, maxia, literatura... Todas estas disciplinas terán un oco nun entorno patrimonial único como é o megálito de Borneiro

01 ago 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Catro obradoiros de Prehistoria, dúas visitas teatralizadas a cargo da compañía Os Quinquilláns e unha sesión de música a mediodía con Pakolas é o que está previsto para esta fin de semana, sábado e domingo, no Centro Arqueolóxico do Dolmen de Dombate. Comeza agosto e este bo número de actividades son un avance simbólico do que agarda para os dous próximos meses. Agosto será intenso, pero chegará setembro e, como reza o lema do programa, quedarán aínda días de verán. Concello de Cabana e Deputación da Coruña, organismo este último titular do megálito, teñen preparadas en torno a unha trintena de propostas: música, dramaturxia, divulgación, literatura, ciclismo, astronomía, malabares, maxia... En definitiva, cultura, que cadra moi ben co patrimonio. Cultura no Camiño e Xacobeo 2021 apoian as citas de setembro.

Aforo limitado

A causa da situación sanitaria actual, as actividades teñen aforo limitado, e nalgunhas é precisa a inscrición previa. Para facilitar a asistencia, sobre todo no caso dalgunhas tan demandadas como a Noite de Estrelas guiada por Jorge Mira, optouse por ofrecer varias sesións. No lugar de ser unha noite, como viña sendo ata o de agora, este 2020 serán tres. Queda moito por diante para vivir e aprender.

Visitas por libre e tamén con guía, todos os días

O dolmen de Dombate pode visitarse libremente cada día da semana, entre as 09.00 e as 21.00. O Centro Arqueolóxico ten un servizo de seguridade polo que haberá que pasar antes de achegarse ao monumento. Hai, tamén, a opción de coñecer o megálito con guía, xa sexa co veterano Ángel Eiroa, Lito, ou tamén coa súa compañeira deste verán, a muxiá Iria Haz Picallo. Así, entre o 1 de xuño e o 30 de setembro, horario de verán, hai percorridos guiados cada 30 minutos, o primeiro ás 10.00 e o último ás 19.30: cada día, de luns a domingo, de 10.00 a 14.00 e de 16.00 a 20.00. Especial, sen dúbida, é acudir a Dombate de noite: este mes, ás 23.00, o 8 e o 21. Todo de balde.

Programa do mes de agosto

Hoxe

  • Obradoiros de Prehistoria. Galipat volve a Dombate con dúas sesións, unha sobre a cerámica (11.00) e outras sobre as gravuras da Fornella (12.30). Será no exterior do dolmen, con aforo limitado a 10 participantes. Non é precisa inscrición.
  • Teatralización con Os Quinquilláns. Como eran os tempos nos que se ergueu o dolmen? Ás 18.00 e 19.30. Entrada gratuíta ata completar aforo. Sen inscrición.

Mañá

  • Obradoiros de Prehistoria. Dúas sesións, unha sobre as pinturas de Dombate e outra sobre as ondas sonoras: 11.00 e 12.30, respectivamente. Sen necesaria inscrición previa.
  • Mediodía musical con Pakolas. Ritmos roqueiros no piñeiral, ás 12.00 horas. Espectáculo para público familiar baseado no libro «Ramona Órbita, a dona do tempo». Gratuíto, sen inscrición.

José Manuel Casal

Venres, 7 de agosto

  • Noite de música. Concerto de acordeón con Fernando Fraga. Ciclo «Música na catedral». Dous pases, ás 22.00 e 23.00 horas, para facilitar asistencia. É necesaria inscrición previa.

Sábado, 8 de agosto

  • Obradoiros de Prehistoria. 11.00 e 12.30.
  • Visitas teatralizadas con Os Quinquilláns. 18.00 e 19.30.
  • Visita nocturna ao dolmen. Necesaria inscrición previa, con aforo limitado. Ás 23.00 horas. Penúltima oportunidade de agosto.

Domingo, 9 de agosto

  • Arqueociclismo. Paseo en bicicleta para todos os públicos con saída ás 11.00 do aparcadoiro de Dombate. Periplo polo chan de Borneiro, por asfalto e pista forestal. Necesaria inscrición previa.

Mércores 12, xoves 13 e venres 14