Mónica Vilela: «O alcalde de Muxía compórtase como un rapaz consentido»

Antonio Longueira Vidal
tONI LONGUEIRA CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

XESUS BUA

A concelleira anunciou que ao longo da vindeira semana renunciará ao seu salario de 22.000 euros brutos anuais

26 jul 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Da grave crise no goberno de Muxía falaron o alcalde, Iago Toba, a dirección provincial do PSOE (José Manuel Lage Tuñas) e a líder do PP local, Sandra Vilela. Pero agora queren dar a súa versión os catro edís desconformes coa actuación do rexedor. Mónica Vilela Vilela (1968, Muxía) di que o fai en nome dela e tamén dos seus compañeiros Manuel Caramés, Irma García e Tania Romero. Mónica Vilela Vilela entrou en política municipal no 2003, «pouco despois do Prestige», e é concelleira dende 2011. Con Félix Porto levou a carteira de Igualdade e Benestar. Con Iago Toba, ata que lle retirou os cargos, levaba Cultura e Educación ademais de ser a primeira tenente de alcalde.

-Por que ese enfrontamento con Iago Toba?

-Humildade, transparencia e traballo son tres elementos dos que presume de forma constante o señor Toba. Nós, contrariamente, entendemos que ninguén debe atribuírse a condición de humilde. Precisamente a persoa que acabou cun grupo compacto e unido durante moitos anos. Foi a súa falta de humildade, transparencia e, sobre todo, a súa incapacidade de traballo, tanto a nivel individual como de grupo, o que nos levaron a esta situación. Ese comportamento infantil e incomprensible, obrigounos a tomar decisións dolorosas e difíciles, e decidimos, o pasado xoves, que tiña que haber un punto de inflexión. Quixemos evidenciar o noso desacordo co que ten feito dende hai un ano. Decidimos dicir non a imposición arbitraria duns orzamentos que non se falaron con nós, decidimos dicir non a falta de compromisos reais cas persoas, e decidimos dicir non as actitudes soberbias de quen non escoita aos seus propios concelleiros. Pero tamén decidimos dicir non aos comportamentos de quen nun ano logrou romper a unidade do grupo municipal, dun grupo de amigos e, o que máis importante, dun pobo, dos cidadáns dun Concello no que todos e todas tiñamos cabida. Unha política que se empregaba para unir e non para romper, como sucede nestes momentos.

-Na dirección provincial tomaron posición por Iago Toba.

-Levabamos un mes esperando unha xuntanza e esta produciuse este martes con Valentín [González Formoso, presidente do PSOE provincial]. Eles sabían que había ese descontento dende hai tempo e non fixeron ningún movemento para solventalo.

-No PSOE falan incluso de que romperon a disciplina de voto.

-En ningún momento se rompeu a disciplina de voto, o único que se fixo foi romper ca imposición arbitraria dunha persoa que se amosa como un rapaz consentido, que non escoita e que non permite o máis nimio comentario.

-Na dirección provincial falan de que vostedes non poden traizoar a un pobo que en maio do pasado ano votou socialista.

-Non imos permitir que se continúe enganando ós veciños e veciñas de Muxía. Poñémonos a disposición de todos eles para levar a cabo o prometido e comprometido. Arranxar aquelas cuestións que son necesarias no día a día, como limpezas dos lugares, arranxos, coidado dos espazos públicos... E de forma inmediata afrontar os investimentos prioritarios sen máis dilacións, como a auga de Suxo, Castelo e Agranzón, do que ten o proxecto dende finais do pasado mandato e que, incomprensiblemente, paralizou, así como as melloras viarias, como a estrada que leva a Leis.

-No pleno falouse do seu soldo. Vostedes catro e os tres representantes do PP votaron en contra da proposta de alcaldía.

-Despois da preocupación que ten o alcalde polas miñas retribucións por uns cargos que xa non ostento quero anunciar que vou renunciar a ese soldo. O alcalde comunícame o venres día 24 que debo abandonar o despacho que ocupaba na casa do Concello. Ao longo desta vindeira semana serei eu quen renuncie ó salario, non vai ser el quen caprichosamente mo retire, como quería facer. A miña dignidade está por riba da súa incapacidade, soberbia e ineptitude, pero quero agradecer o xesto desinteresado dos que me apoiaron e me deron a oportunidade de actuar con responsabilidade, coherencia e lealdade ós cidadáns, que son aos únicos ós que me debo.

-Vostede, Irma García, Manuel Caramés e Tania Romero ían nos primeiros postos da lista.

-Iso demostra que apostamos por Iago Toba, polo tanto, pedimos perdón, por ter posto de alcalde de Muxía, a quen ten sobradamente demostrado que non o merecía e que non é digno de ostentar dito cargo.

-No PSOE deixan entrever unha posible moción de censura e o PP tende a man a un posible acordo.

-Neste momento non se está a falar diso. Só falamos dos problemas co alcalde dende hai meses. Pero si debemos pedir desculpas pola desidia por parte de quen non ten capacidade de traballo, nin sequera de encaixar a máis mínima crítica construtiva e que acostuma a dar resposta ca vinganza e o insulto.