Cruz Vermella e Libera concienciaron na praia de Arnela sobre a «basuraleza» e o medio ambiente

La Voz

CARBALLO

Levaron a cabo, con bañistas da praia, unha limpeza e clasificación de lixo

25 jul 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Cruz Vermella, en colaboración co proxecto Libera, segue traballando para erradicar a denominada «basuraleza» -os residuos abandonados en espazos naturais- das praias ao longo deste verán, informando e sensibilizando sobre a importancia da correcta xestión do lixo.

Hai uns días a asemblea comarcal de Cruz Vermella Bergantiños desenvolveu na praia de Arnela, en Carballo, unha actividade de concienciación entre os bañistas. Participaron cinco voluntarios da entidade e máis de vinte persoas que gozaban do areal naquel momento.

A actividade durou tres horas e estivo centrada na recollida de residuos e posterior clasificación, fundamentalmente de plásticos e microplásticos, incidindo en aspectos como a procedencia dos mesmos ou en canto tempo tardan en degradarse. Tamén fixeron fincapé na importancia de levar a cabo unha correcta xestión medioambiental do lixo, sobre todo dos desperdicios sanitarios como as luvas ou as máscaras. Centos de produtos deste tipo aparecen tirados polas rúas cada día.