Miguel Loureiro: «O meu reto é volver xogar en Segunda División a curto prazo»

ATLETAS DO ATLÁNTICO | Con 23 anos, este futbolista de Cerceda que xoga no Andorra ten claras as súas metas e está aberto aos cambios

M. R.
carballo / la voz

Miguel Loureiro Ameijenda ten 23 anos (vai camiño dos 24), é de Cerceda e comezou a xogar ao fútbol cando era un neno. Desde entón pasou por varios equipos, chegando a estar en Segunda División co Córdoba. Actualmente xoga no Andorra FC, ademais de estudar Economía, e ten como obxectivo asentarse no fútbol profesional.

-Como foi a tempada do Andorra FC?

-Empezamos moi ben e estivemos moitas xornadas de primeiros e, sobre todo, metidos en play-off. O malo foi cando pillamos unha bochanca ó principio da segunda volta e, a partir de aí, fomos baixando postos. Ao final acabamos novenos. Cando sucedeu o do coronavirus e o tema do parón, nós estabamos volvendo a coller a dinámica e por iso non conseguimos meternos en play-off. Diría que foi unha tempada na que fomos de máis a menos, pero que tamén lle serviu ao equipo para coñecer un pouco máis a Segunda División B, porque o noso grupo é moi igualado e moi difícil.

-Con 23 anos xa leva un longo camiño percorrido. Foi difícil chegar ata aquí?

-Custoume moito traballo. Desde que saín das Escolas Luís Calvo de Carballo pasei por un montón de equipos. Ao longo do camiño houbo momentos complicados por culpa das lesións. Estiven case tres anos sen xogar cando me atopaba no Dépor. A verdade é que foi difícil, pero estou moi orgulloso de ter chegado ata aquí e estou contento coa traxectoria que tiven ata agora. Aínda son mozo e quédame moito camiño por percorrer. Espero poder volver á Segunda División e gozar moito tempo do fútbol.

-Como foi manter a forma e prepararse de cara á seguinte campaña en pleno confinamento?

-A nivel físico e a nivel preparación é un cambio importante porque deixas de adestrar co equipo. Ao estar nun piso é complicado manter o mesmo ritmo de adestramento, pero intentaba facer o traballo que nos mandaban desde o club e a verdade é que estiven bastante ben. Trato de coidarme, de facer as cousas ben, de coidar a alimentación e, na medida do posible, de adestrar coas ferramentas que teño. A nivel mental tamén é unha situación difícil de asimilar. Os futbolistas somos xente que estamos acostumados a facer moita actividade física e a estar en continuo movemento e en contacto cos compañeiros.

-Como afrontará o club as perdas que causou a crise sanitaria?

-O do Andorra era un proxecto que practicamente estaba comezando. O ano pasado o club competía en Primeira Catalana e este ano en Segunda B. É unha situación que obriga á entidade a medrar a pasos de xigante. Estas circunstancias afectan a todos os equipos, porque a nivel económico hai moitas perdas de patrocinio e de afeccionados. De cara ao ano que ben creo que é un proxecto sólido e que, independentemente desta situación, teñen o mesmo obxectivo, pensando en seguir e en asentarse no fútbol profesional.

-Estes días regresou á súa terra despois de varios meses. Que foi o primeiro que fixo?

-Estar coa familia, porque na situación na que estamos era o máis importante. Cando estás lonxe e ves o que está sucedendo, tes ganas de volver, de pasar tempo cos teus e estar con eles.

-Volvería a xogar nun equipo de Galicia?

-Non pecho ningunha porta e, a verdade, é que me gustaría poder xogar en Galicia. Pero non é algo que me preocupe porque son unha persoa á que non lle importa viaxar e cambiar.

-Ten algún reto para o 2021?

-O meu obxectivo principal é volver ao fútbol profesional. Co descenso de categoría que tivemos o ano pasado co Córdoba, quedoume un mal sabor de boca. Creo que teño cousas por demostrar e que podo ser un futbolista profesional. O meu reto é volver a xogar en Segunda División a curto prazo.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

Miguel Loureiro: «O meu reto é volver xogar en Segunda División a curto prazo»