Un Verán Cultural axustado aos tempos

La Voz

CARBALLO

Ana Garcia

Carballo recupera a programación cultural presencial, pero con novidosas medidas polo covid. Haberá cinco espectáculos neste 2020: muda, tamén, a localización 

19 jul 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

A cultura volverá á rúa carballesa este verán, mais adaptada ás novas circunstancias a causa do covid-19. Haberá Verán Cultural e será, pois, a primeira programación cultural presencial na capital de Bergantiños logo do parón a causa do coronavirus ou da celebración, a través da Rede, das Letras Galegas, pero será unha versión adecuada aos tempos. Son más de 20 anos de traxectoria os que acumula esta proposta do departamento de Cultura carballés que, pese a todo, iso si, conserva os piares doutras edicións: calidade, diversidade, noites de verán, música e outras disciplinas, e para todas as idades. «É preciso actuar con prudencia e responsabilidade, pero tamén con compromiso co sector cultural e cos cidadáns», dan cadra. Montaxe, desmontaxe, realización e celebración dos cinco espectáculos previstos estarán rexidos por un estrito protocolo de medidas de prevención sanitaria en relación á crise do covid-19

Novo espazo, nova rutina

Indican dende Cultura que neste momento, a participación en actividades culturais esixe tamén comportamentos diferentes. Artistas e público han de tomar conciencia de novas rutinas en relación ao acceso, permanencia, asistencia ou saída das actuacións. «Todos precisamos coñecelos e incorporalos aos noso hábitos, polo que esta proposta tamén ten como finalidade xerar a confianza nos cidadáns para a participación segura en propostas culturais, así como educalos nas novas condutas preventivas», indican. Tres das citas incluídas na programación son concertos e, as dúas restantes, maxia e circo. Todos eles serán espectáculos en formato medio, cunha capacidade limitada de aforo: sobre unhas 200 persoas.

A Praza do Concello era ata o de agora o espazo que concentraba as actividades deste Verán Cultural, mais este 2020 mudará para a rúa Jacinto Amigo Lera, tamén céntrica, pero máis delimitada, o cal permite uns accesos máis claros que permiten o control de espectadores e de posibles aglomeracións. O público estará exclusivamente acomodado en cadeiras e o acceso será gratuíto, por orde de chegada, ata completar o aforo, abríndose unha hora antes do inicio de cada unha das actividades. A elas os menores deben acudir sempre acompañados por adultos.

Xel e máscara

A entrada e saída ao espazo dos espectáculos realizase de forma graduada, detallan desde o departamento cultural carballés. Haberá para iso circuítos diferenciados, mantendo sempre a distancia de seguridade. De feito, unha vez que se abandone o recinto, non se poderá volver acceder a el. Será obrigatoria a desinfección de mans e o uso de máscara por parte de todos os asistentes. Este ano tampouco se entregarán programas de mans en papel, de xeito que toda a información sobre os grupos estará dispoñible na web municipal.

Unha cita no Pazo

Das cinco xornadas de actividade, só unha delas transcorrerá nun espazo diferente á rúa Jacinto Amigo Lera. Será a intervención do Mago Teto, o 31 de xullo. Farase no auditorio do Pazo da Cultura, asemade coa finalidade de que tanto organizadores como servizos técnicos e espectadores vaian reiniciando a actividade deste salón, así como os novos hábitos que haberá que poñer en marcha para o seu uso. Brigada de obras, servizo de limpeza viaria e alumeado público, Policía Local e Protección Civil colaborarán para que este novo Verán Cultural en Carballo poida ser posible.

En detalle

  • SILVIA PENIDE. Venres 24 de xullo. Canción de autor, pop intimista. Na rúa Jacinto Amigo Lera, a partir das 21.30: «El efecto boomerang».
  • MAGO TETO. Venres 31 de xullo. «Alquimia»: maxia e diversión para todos os públicos. No auditorio do Pazo da Cultura, ás 21.30 horas.
  • MJ PÉREZ. Venres 7 de agosto. «A luz prendida»: música de autora, pisa ben forte. Na rúa Jacinto Amigo Lera, a partir das 21.30 horas.
  • CIRCO DUELIRIUM. Venres 14 de agosto. «Voadores Circus» é o nome do espectáculo: danza, malabares, voo... Rúa Jacinto Amigo, 20.30.
  • THE CERNE. Venres 21 de agosto. Concerto con selo carballés. Un tributo aos Creedence Clearwater. Na rúa Jacinto Amigo, ás 21.30.