Once persoeiros mirarán pola terra nun foro totalmente novidoso

xulián fernández

CARBALLO

O hotel Bela Fisterra escolle a dez especialistas para reflexionar sobre o futuro da bisbarra

18 jul 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Mirando pola Terra, así se chama o proxecto co que o hotel Bela Fisterra pretende fomentar ideas de futuro para a Costa da Morte. Trátase dunha especie de foro totalmente novidoso, segundo a organización, no que participarán persoeiros da ciencia, da investigación, da arte, da medicina ou da sociedade. Son científicos, enxeñeiros, políticos, doutores ou destacados pola súa influencia social. Din os promotores desta iniciativa que «A Costa da Morte é berce de personalidades moi importantes en múltiples sectores, todas de trascendencia internacional». Así que por iniciativa do xerente do hotel fisterrá, Pepe Formoso, o luns día 3 de agosto reuniranse na primeira edición de Mirando pola Terra.

Pioneira

Apuntan que se trata dunha iniciativa pioneira que nace «co obxectivo principal de revalorizar e reflexionar sobre a terra na que deron os seus primeiros pasos estas persoas, a partir das súas experiencias, dos seus recordos e os seus puntos de vista».

Son Yaiza Canosa, Ángel Carracedo, Jorge Mira, Juan Carlos Riveiro, Damián Álvarez, Antón Pombo, Ricardo García, Antón Castro, Francisco Blanco, David Castiñeira e Isolina Sánchez. Todos eles están vencellados por ter nacido nalgúns dos concellos da bisbarra. O que pretende é que cada un deles aporte os seus puntos de vista sobre pasado, presente e futuro da Costa da Morte, a súa riqueza cultural, a súa xente e outros aspectos. Considera Formoso que «os camiños profesionais e vitais que elixiron os poñentes favorecerán o intercambio de opinións e perspectivas diverxentes e totalmente enriquecedoras».

Os organizadores esperan que o resultado sexa un análise completo e contrastado sobre as vantaxes e desvantaxes deste territorio en diferentes aspectos. De aí poderían saír propostas que poidan axudar ao desenvolvemento deste territorio atlántico. Apuntan, por outro lado, que este encontro non nace coa pretensión de ser efémero, senón que teña continuidade os vindeiros anos. Nesta proposta tamén participa Xosé Teiga, con prestixio en deseño e identidade corporativa.

Tralo encontro haberá unhas conclusións

3 de agosto • Hotel Bela Fisterra • Cada un dos participantes fará unha exposición con tempo limitado. Unha vez rematada as intervencións individuais, haberá un momento para o debate e o cruce de opinións. De seguido, faranse públicas as conclusións deste primeiro Mirando pola Terra, que se celebrará no hotel Bela Fisterra.