«O discurso do BNG calou na xente, debe ser un punto de inflexión»

CARBALLO

BASILIO BELLO

Xosé Regueira, coordinador do BNG en Bergantiños, amosa a súa satisfacción polos resultados do domingo 

15 jul 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

O coordinador do BNG en Bergantiños, Xosé Regueira Varela (1967), mostrou a súa satisfacción polos resultados acadados pola formación nacionalista tanto en Galicia como na bisbarra: «Está claro que o discurso calou na xente e a imaxe que proxecta Ana Pontón é a dunha persoa seria, rigorosa, cun discurso moi recoñecible, directo e pensando en Galicia e nos galegos».

Segundo o vicepresidente da Deputación e concelleiro en Carballo, pasar de ser a cuarta forza política a ser a segunda debe ser, sen dúbida, «un punto de inflexión para o BNG». E argumentou: «Ter 19 deputados convértete no principal partido da oposición, na imaxe e referente daqueles galegos que non están de acordo coas políticas do Goberno. A voz do BNG será a partir de agora moito máis importante».

Ao seu xuízo, o que aconteceu o domingo foi o fracaso das políticas que non pensan en Galicia e nos galegos: «O PP representa o conservadurismo a nivel galego, pero, ao fin e ao cabo, de Galicia. O BNG representa a visión máis progresista, soberanista e máis galeguista. De feito, moitas das forzas de ámbito estatal perderon todo o apopio da cidadanía». E o máis importante: «O BNG foi capaz de atraer o voto dos máis novos, e iso é moi importante pensando en crave de futuro».

Regueira é concelleiro en Carballo e vicepresidente da Deputación.