«Traballamos moito e ben, e se cadra por iso a frustración aínda é maior»

Patricia Blanco
Patricia Blanco CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

SANDRA ALONSO

A cercedense Begoña Rodríguez Rumbo repetirá como candidata polo PSOE no Parlamento

14 jul 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

É «máis agre que doce» a sensación que lle deixaron estas autonómicas do 2020 á socialista cercedense Begoña Rodríguez Rumbo (1966), que pese a todo renova acta como deputada no Parlamento.

-Como valora esta cita electoral?

-Contabamos con poder gobernar, non sós, senón co BNG ou outro grupo de esquerdas, e con liderar ese goberno. Polo tanto, os resultados non son bos. Haberá que facer unha profunda reflexión e ver en que se fallou. Somos un partido de 140 anos, haberá que reforzarse e volver saír dar a batalla, isto non nos vai afundir.

-Como diría que foi o traballo destes catro anos como deputada e que virá agora?

-Traballamos moito e ben, e se cadra por iso a frustración aínda é maior. Tamén é certo que a cobertura ou a visibilidade que se nos deu foi pouca. Fixemos moitas propostas, polos dereitos da cidadanía, fomos unha oposición traballadora e responsable. Para nós si que Galicia, Galicia e Galicia está sempre presente no noso traballo. E estes catro anos que veñen van ser de máis traballo aínda, coa nosa ideoloxía e a nosa forma de que ver que o goberno que temos agora non cumpre.

-No seu municipio, Cerceda, pasouse de 909 votos ao PSOE no 2016 aos 571 deste ano. Que puido ter ocorrido?

-Este ano fixemos unha campaña totalmente diferente. Non fixemos porta a porta, porque entendemos que co covid non era correcto. Outros partidos si o fixeron, así que puido ser un erro. Non puidemos falar coa xente, tampouco facer mitins en moitos lugares, e os que se facían eran limitados. Todo iso xogou na nosa contra. Feijoo tivo ademais unha moi boa plataforma, a TVG, un medio público. Evidentemente iso non o foi todo. Mais síntome orgullosa do meu traballo destes catro anos, e do dos meus compañeiros.

-Se gobernase, que dúas ou tres cuestións vería prioritarias para esta comarca?

-É fundamental a atención primaria [con respecto á sanidade] e a pediatría. Tamén as comunicacións: son moi malas por estrada e ademais no que se refire a banda larga, Internet... A Costa da Morte perde cada vez máis poboación porque servizos públicos básicos e comunicacións fallan.