José Antonio Vila: «Formar parte da marca Terra Atlántica é unha garantía de calidade»

Marta López CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

ANA GARCÍA

Baio acolleu onte unha xornada para buscar sinerxias entre as empresas adheridas a esta marca, impulsada polo GDR

03 jul 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Para reforzar o «orgullo polo propio» e crear un paraugas baixo o que resgardar a actividade de empresas de todo tipo naceu a marca Costa da Morte Terra Atlántica, á que xa se adheriron 35 compañías. Impulsada dende o GDR Costa da Morte en colaboración cos propios empresarios, está en pleno crecemento. Deste proxecto fala José Antonio Vila García, xerente do GDR, que participou onte un networking sobre a marca en Baio.

-Cando se iniciou o proxecto?

-No 2018 comezaron as reunións con empresarios que tiñan interese en que houbese unha marca que englobase o territorio Costa da Morte, unha idea que xa saíra en varias mesas sectoriais anteriormente. Despois elaborouse o regulamento interno e a imaxe corporativa para a marca e tamén se rexistrou, tanto a nivel nacional como europeo.

Xa no 2019 comezouse a divulgar o proxecto e empezaron a adherirse as primeiras empresas. Para este ano tiñamos previsto continuar coa incorporación de firmas e coa promoción, tanto dentro como fóra do territorio. A idea era levar a marca a feiras, pero con isto do covid trastocouse todo. Agora estamos reorganizando o traballo e pensamos, por exemplo, en mellorar a páxina web e en facer mesas sectoriais para captar empresas de ámbitos dos que aínda non se adheriu ninguén, como é o caso da artesanía.

-Cantas firmas se sumaron á marca polo de agora?

-Andaremos por 35, máis ou menos. Na primeira volta había arredor de 19 e, dende entón, foron incorporándose novas empresas pouco a pouco. Poden consultarse todas na páxina web da marca [terratlantica.gal].

-Que sectores predominan?

-Hai de moitos: hoteis, inmobiliarias, campamentos turísticos, arte, venda de peixe, panadaría, un centro de día, turismo, distribuidores de bebidas, aluminio, carpintarías, ganderías... Despois hai algunha firma que se interesou pero que aínda non formalizaron a súa entrada.

-Para estes días prepararon xornadas informativas e de captación de novas compañías.

-Exacto. Buscamos mostrarlles o que se está facendo e que se interesen polo proxecto. No caso da que se fai en Baio dende hoxe [por onte], trátase dunha xuntanza entre as que están xa asociadas para que se poñan en contacto e se busquen sinerxias.

-Que obxectivos persigue o GDR co impulso desta marca?

-Dende logo, unha maior visibilidade para as propias empresas, pero tamén que se divulguen as fortalezas da Costa da Morte como territorio. De cara ao cliente, o feito de pertencer a unha marca, que por enriba está avalada por unha entidade como a nosa, que engloba 17 concellos, tamén leva asociada unha garantía de calidade. Se todos remamos nunha mesma dirección, o normal será que se saquen mellores resultados.

-A unión nunca foi o forte deste territorio, precisamente.

-Eu creo que a visión a curto prazo foi o pequeno gran problema que tivo dende sempre a Costa da Morte. Iso é o que dificulta poñer en marcha unha iniciativa como esta. Creo que deberíamos implicarnos todos: entidades, empresas e, por suposto, concellos. A estas alturas, se non todos, diría que de case todos os concellos que forman parte do GDR hai polo menos algunha compañía xa adherida á marca.

Cando Gerca fixo os dispensadores de xel penso que tiñamos unha oportunidade bonita para amosar unión e divulgar a iniciativa. Eles colocaron por iniciativa propia a imaxe da marca nos soportes, que se distribuíron por toda a comarca, pero a pena foi que nalgúns concellos se quitou para poñer a súa. Eu penso que, máis que dividir, o que deberiamos facer é unirnos. Realmente foi unha oportunidade bonita que se podía ter aproveitado.