Manolo Maseda: «Queriamos facer o IES de Baio un contedor cultural aberto á sociedade»

Maseda emprenderá o vindeiro curso unha nova aventura nun centro do Milladoiro, tras varios anos en Baio


Carballo / LA Voz

Aínda que nado en Burela hai 45 anos, Manolo Maseda xa se considera un veciño máis da vila de Baio. Leva oito anos dirixindo o IES Maximino Romero de Lema, e este foi o seu último curso como docente do centro baiés. Formado en Maxisterio musical e Musicoloxía, aprendeu a tocar o acordeón de seu pai.

-Este curso dirá adeus ao IES de Baio tras un longo período no equipo directivo.

-Esta fase de oito anos na dirección supuxo para min unha aprendizaxe brutal e ensinoume unha maneira de ver o ensino moito máis global. Certamente, é o momento de abrir novos retos, pero levando unha mochila cargada de emocións e, sobre todo, de aprendizaxe.

-Non será doado deixar o centro.

-Antes de ser director estaba en conciliación familiar, pero realmente en Baio levaría 16 anos. Non é que deixe un centro, é que deixo moita familia, amigos e experiencias vividas. Teño 45 anos, 23 anos de ensino público dende que saquei as oposicións e estes foron os oito anos máis emocionantes que puiden vivir. O equipo directivo foi como unha gran familia e cada tolería que se nos ocorría, saía adiante.

-En que piares baseou o seu proxecto para o instituto?

-No noso caso, en tres liñas mestras moi claras. Primeiramente había que saber onde estabamos e a realidade social da comarca. Neste sentido, diferenciarnos como un contedor cultural considerabamos que era un punto forte que podiamos traballar no centro: facer unha morea de actividades culturais e sempre de portas abertas á comunidade, que se sentise que o IES era moito máis que un centro illado.

Outro dos piares era seguir camiñando no tema da ecoloxía e facer bandeira disto. Dado que cando entramos era o aniversario do Prestige, e para non esquecer en ningún momento que estamos ao lado do mar, gardo unha fotografía no meu despacho da praia de Soesto con nenos e nenas con paraugas formando a palabra «Vidas». É algo moi simbólico, porque realmente traballamos con vidas.

Tamén traballamos na educación feminista, en igualdade, e queremos que o alumnado sexa o máis crítico e formado posible. Son eses tres pés: a cultura, a educación no ecofeminismo e, sobre todo, que os escolares sexan críticos e libres.

-Tamén buscarían que os rapaces se implicasen, mesmo dende a propia organización.

-A clave, neste caso, é o empoderamento. Por exemplo, o alumnado que cursaba Xestión Cultural xerou moitos proxectos arredor. Dende aí xurdiron as foliadas solidarias, o disco Ao son delas, Vintenbaio... Os proxectos que naceron arredor do alumnado eran por e para eles; nós, como docentes, tiñamos que aprender a pasar a un segundo plano e seguilos, ser guías. O que gañamos foi moitísima máis implicación dos escolares e das familias ao entender que, pese a que fosen consensuadas, esas iniciativas eran por e para eles. É unha maneira de aprender trasversalmente moitas outras cousas.

-O propio edificio se volveu irrecoñecible nestes últimos anos: cheo de cor e arte.

-Tratamos de facer del un espazo menos hostil. Este centro ten unha carballeira espectacular detrás que está infrautilizada, un río que pasa ao carón, conseguimos que o veciño do lado nos deixase a leira enteira para plantar árbores autóctonas e facer o «Bosque das letras e da poesía»... Con todo iso intentamos humanizar un espazo arquitectónico que igual non era tan agradable ao alumnado. Tivemos a gran sorte de topar cun artista como Joseba Muruzabal [Yoseba M. P.], a quen coñezo dende hai moitos anos e que comprendeu perfectamente o que queriamos facer. Tamén quería convencer á Administración de que este era un modelo expansible a calquera outro centro de Galicia: o presuposto non é moi diferente ao que sería, por exemplo, pintar todo o edificio de branco; e ao mesmo tempo estariamos potenciando a arte e propiciando que o alumnado entre alí cun sorriso vendo ás pandereteiras voadoras de Muíño.

-Esa motivación entre os rapaces tamén redundará en bos resultados académicos.

-A aprendizaxe sen emoción non existe, xa o dicía Aristóteles. Os axentes externos -todo o que poidamos aportar dende o ensino para que o alumnado se sinta máis cómodo- son necesarios e hai que conseguilos na medida que sexa.

«Gustaríame que o novo equipo directivo sexa valente»

Maseda considérase un «engranaxe» máis dun equipo directivo ao que está «eternamente agradecido» e que estivo formado por Ricardo Vigueret, Tino Fernández e José María Fernández.

-O centro verá ampliada a súa oferta académica o próximo curso.

-Si, son pequenos logros que se van sumando á filosofía destes últimos catro anos. Como dixen, cando se chega a un centro hai que ser consciente de onde está e nós, por exemplo, temos limitacións ao ter pouco ratio. Tódolos anos lle temos que chorar á Administración que nos deixe facer as optativas con cinco ou seis rapaces. A nosa teima, como equipo directivo, era conseguir o ciclo superior [de desenvolvemento de aplicacións multiplataforma] polo que supón a programación hoxe en día. Chegamos a un acordo para facer un dual coa empresa Imatia, cun convenio a tres bandas co IES de Teis (Vigo), un dos máis grandes de Galicia; co da Carballeira (Ourense), exclusivo de Formación Profesional; e con nós. Para nós é algo simbólico de que se pode deslocalizar das cidades a formación en dual. Cremos que é, tamén, unha forma de fixar poboación nova nesta comarca.

-Gustaríalle que o próximo equipo directivo continuase con esta liña de traballo?

-Gustaríame que sexan valentes e fagan o que consideren que sexa o mellor. O noso proxecto foi este e o que veña será mellor ou diferente, pero será propio deles. Na función directiva o que creo que hai que ter son miras a un futuro e ganas de loitar por conseguir as metas; e hai que ter tamén moi claro que o centro é do alumnado, non noso.

-Cal será a súa próxima parada?

-Vou para O Milladoiro, a un centro que ten poucos anos de percorrido e que está nunha situación totalmente distinta á de Baio. Supoño que aterrarei nas antípodas do que estou agora: nun contexto multirracial, na periferia de Santiago de Compostela e con preto de 700 alumnos (fronte aos 230 de Baio). Haberá que adaptarse a este novo reto.

-Tamén tivo que adaptarse a Baio.

-Aqui a verdade é que foi moi sinxelo: todo foron facilidades dende o minuto cero. A comunidade flúe e o centro está moi coidado tamén porque os rapaces veñen con ese pensamento ensinado da casa. Hai un mantemento [físico], pero tamén emocional da xente que convivimos nel.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
3 votos
Comentarios

Manolo Maseda: «Queriamos facer o IES de Baio un contedor cultural aberto á sociedade»