Rebeca Facal: «Penso que é necesario dar un paso adiante para avanzar na sociedade»

Melissa Rodríguez
melissa rodríguez CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

ANA GARCIA

GENTES DEL FINIS TERRAE | Nova presidenta do Club Deportivo Baio, vai moi avanzada na creación da directiva e renovou ao adestrador

17 jun 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

O fútbol da Costa ten unha nova presidenta, algo pouco habitual e máis aínda cando se trata dunha moza de 30 anos como é Rebeca Facal Fuentes. Baiesa de nacemento pasa a tomar as rendas da entidade do seu pobo, o Club Deportivo Baio, converténdose na primeira muller en facelo. Sempre estivo moi ligada ó movemento asociativo da localidade e está moi formada.

-Como chegou á presidencia do Baio?

-Levaba dez anos na directiva xa. Agora era vicepresidenta e, entón, tiña esa presión de ser a seguinte na escala. Tocábame a min! [Ri]

-Como foi esa primeira vinculación ó club?

-Non está moi ben contar isto, pero foi unha noite en Ponteceso cando estaba Diego Díaz de presidente. Díxenlle que para o que necesitasen botaba unha man sen fallo. Ofrecinme eu a axudar, que creo que é algo que pasa moi poucas veces. Pensei que ao ser ás cinco da mañá nunca máis se ía acordar, pero apareceume na porta ó día seguinte e non me puiden negar.

-Sempre foi afeccionada ó fútbol?

-Si en xeral e, sobre todo, do Baio. Meu avó foi un dos fundadores da entidade, meu pai tamén xogou, meu irmán dende pequeniño igual... Lembro que cando este último marchou para o Bergantiños, ía sempre co meu avó andando ós partidos. El era fiel a aquí. De feito, enfadárase todo polo do meu irmán porque dicía que a xente de Baio ten que xogar no Baio. A paixón polo fútbol tamén me vén porque meus pais teñen o bar Buenos Aires, entón vin fútbol dende pequena.

-A parte do Baio, é seguidora de outros equipos?

-Do Celta. Vanme matar por isto! [Ri] De pequena recordo roubarlle cen pesetas a miña nai para ir comprar o xornal porque regalaban un póster do equipo. Non sei se foi porque me caía mal algunha persoa do Deportivo e para así non ter que aguantala ou como, pero xa dende moi pequena me tirou este club. Tamén me pasou co Real Madrid, pero a medida que fun medrando empezou a non gustarme toda a política que o rodea.

-O Baio é un dos clubs referentes da zona. Que significa para vostede?

-Vou a todos os partidos tanto da casa como de fóra. Sirve para xuntarse amigos, directivos... e pasar un día divertido fóra da casa.

-Co seu nomeamento como presidenta bate varios récords. Como afronta o reto?

-Con ganas. Si que é certo que sempre houbo comentarios. Cando empecei con vinte anos, a xente preguntábame de todo menos se me gustaba o fútbol. Pero despois de verme tanto tempo alí, si que me impulsaban bastante a que o collese, sobre todo os xogadores. Entón, síntome bastante querida e á vez penso que é necesario dar un paso adiante para avanzar na sociedade.

-Experiencia ten de sobra.

-Si, pero nunca collín o touro polos cornos [ri]. A parte, esta tempada é un pouco atípica. Non sabes nin cantas xornadas vai haber, nin contra quen vas xogar, se vai haber rebrote... Polo momento non se pode planificar nada, é complicado.

-Deron algún paso respecto ó corpo técnico e ó plantel?

-Si, de feito eu tiña algo de présa ao ver que o resto de equipos se estaban movendo. Entón, de momento estamos renovando aos que queren quedar e eu, de forma paralela, sigo buscando directiva, estabilizar as cousas, poñerme ao día.

-Pode dar xa algún nome?

-O adestrador Pablo Torreira vai seguir. De feito, é el quen se está encargando de chamar ós xogadores. Hai un par de baixas, pero de momento é mellor non dicir nada.

ANA GARCIA

-Como vai a formación da xunta?

-Hai varias persoas que se ofreceron a colaborar, e iso tamén serve. Entón, de momento na lista teño como 7 ou 8 persoas, de maneira que xa está a cousa bastante avanzada, pero sigo dicindo que cantos máis queiran unirse, mellor, xa que cantos máis haxa, menos choio toca por cabeza.

-Como nova presidenta, proponse facer algún cambio ou ten novas ideas en mente?

-A idea deportiva é seguir con canta máis xente de Baio, mellor, e se se pode quedar de terceiros, non de cuartos.

-O Baio non é a primeira entidade á que está vinculada. Fáleme sobre iso.

-De pequena estiven no grupo de teatro Badius porque me gustaban moito as artes escénicas, pero despois coincidíame co fútbol e decanteime por este, aínda que me dá pena non seguir. Tamén pasei pola comisión de festas e pola Asociación Cultural Adro.

-A que se dedica?

-Traballo como community manager. Fixen un ciclo de imaxe e son, a carreira de publicidade e relacións públicas, un máster de xestión deportiva e outro de Deseño Gráfico co que estou agora.