Os ministros e as galiñas

Patricia Blanco
Patricia Blanco CORONAVIRUS

CARBALLO

17 jun 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Os psicólogos advirten de que todo isto que se está a vivir a causa do becho coronavirus vai ter o rabo longo. Isto é, que aínda non somos de todo conscientes do que veu a traer ao día a día de cada quen. Houbo quen parou forzosamente e se decatou de que a vida que levaba non era a que quería. Nin a parella, nin a rutina... Houbo quen tivo que traballar na primeira liña de guerra, curando a enfermos, tratando de salvalos, e chegaba coa alma ensumida á casa, e o medo no corpo. Foron moitas emocións, moitas sensacións, quizais máis intensas nas cidades, porque era onde máis palpable era o encerro. Cada un terá que coller o temón da vivencia persoal, e para iso farán falta meses ou incluso anos, porque os expertos tamén din que o virus veu para quedar, aínda que sexa xa coas forzas debilitadas. O caso é que o covid-19 tamén revelou o rural como salvagarda, porque nel o confinamento quizais non foi tan duro. Ou si, porque algunha imaxe vin de grupos de veciños sentados a dous metros de distancia, ocupando case todo o largo dunha cañeira. Iso, nun lugar no que quizais ata hai pouco quedaban as portas abertas sen medo a que entrase ninguén que non tiña que entrar, pasará á historia. Por fortuna alí, no rural, seguiron os quefaceres habituais: a herba para as vacas, o muxido, os tempos das patacas... Pensaba moita xente que co do confinamento non había máis que facer ca estar na casa, pero ven vin a realidade cando quixen contactar cunha persoa maior e nunca estaba ao carón do teléfono. Díxenlle: «Andas máis ocupada cós ministros». E contestou, certa: «Os ministros non teñen que estercar as galiñas». Pois iso. Que historias!